O PSdeG de Rairiz de Veiga reclama un mercado artesanal en Congostro

PABLO LORENZO
O PSdeG de Rairiz de Veiga reclama un mercado artesanal en Congostro

Ante a falta de actividades socioculturais organizadas polo concello, Pablo Lorenzo propón a creación deste mercado co obxectivo de promocionar a riqueza patrimonial e paisaxística.

O PSdeG de Rairiz de Veiga vén de rexistrar unha moción instando ao goberno municipal a que poña en marcha un mercado artesanal na aldea de Congostro, co obxecto de valorizar o traballo de recuperación da mesma. Tal como comenta o voceiro dos socialistas en Rairiz de Veiga, Pablo Lorenzo, a aldea está nun entorno natural privilexiado e chama a atención dos visitantes polo esmero que se puxo na súa recuperación e posta en valor dos canastros do lugar. Para os socialistas é necesario que se adopte unha medida que dea un último pulo á promoción turística do pobo ao tempo que se oferta un medio para desenvolver unha actividade económica tan atractiva coma o comercio.

Tamén cómpre sinalar que a aldea de Congostro forma parte dun plan de valorización turística e patrimonial que está sen concluír por parte do goberno. Por unha parte, foran iniciados os traballos de soterramento do alumeado pública, coa fin de mellorar esteticamente o entorno e aínda non foi rematado. Por outra, o Concello de Rairiz encargou, no 2011, a redacción dun proxecto arqueolóxico que incluíse un plan de actuación para a posta en valor da Vía Nova entre Congostro e A Saínza e que tivo un custo duns 12.000 euros. Porén, non se fixo un aproveitamento real desta inversión. De feito, non se están a aproveitar os recursos e potencialidades dun lugar coma Congostro do que parten 3 rutas de sendeirismo que percorren as zonas do concello mellor conservadas e de maior atractivo paisaxístico. Dáse a circunstancia, ademais, de que Rairiz é o concello que conta con máis casas de turismo rural da comarca sen que este feito sexa realmente aproveitado.

Por todo isto, Pablo Lorenzo considera que é hora de que o Concello de Rairiz poña en marcha actividades socioculturais, das que hoxe carece, que poña en valor o rico patrimonio e paisaxe do municipio.

No caso de Congostro, os socialistas de Rairiz coidan que hai que crear, fomentar e promocionar un mercado anual que sirva para dar a coñecer os produtos artesanais da zona. Así mesmo, e para que a iniciativa non quede en simples declaracións de intencións, o PSOE propón que se destine unha partida orzamentaria, neste ano, para a promoción e organización deste mercado que valorizaría o traballo de recuperación da aldea de Congostro, aparte de dar apoio aos artesáns e produtores locais. Neste senso, tamén se reclama a exención de taxas para estes comerciantes interesados en participar neste mercado.