O PSOE de Rairiz califica de contradición que agora Morgade queira repetir o pleno de investidura

Pablo PSOE Rairiz 2
O PSOE de Rairiz califica de contradición que agora Morgade queira repetir o pleno de investidura

Os socialistas piden transparencia e respecto ós veciños

Logo dunha semana de incertidume, a alcaldesa en funcións de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, sinala que se amosa disposta a repetir o pleno de investidura, se así o considera a secretaria municipal. Os socialistas falan de contradición posto que "foi ela quen impediu a esa mesma funcionaria que asesorara á Corporación no seu Pleno de investidura, coartando así o dereito dos concelleiros a ter información acerca da legalidade do propio Pleno", declara o portavoz socialista, Pablo Lorenzo.

A oposición considera que este cambio de rumbo se debe a un intento de lavado de imaxe da man do Partido Popular. Do mesmo xeito, o PSOE non entende como dende o PP apoian o "circo" no que se converteu o Concello de Rairiz, cunha mentira tras outra, apuntan. Con estas declaracións refírense ó feito de que Asunción Morgade nun primeiro momento, dixo ser independente e non sentirse indentificada con ningún partido, días despois procedíase a súa alta no PP. Así mesmo, a Pablo Lorenzo non lle resulta raro este apoio posto que "cando Baltar fichou a Xosé Xaquín estando imputado dixo estar seguro ó 100% de quedaría en nada e xa vemos como rematou, con el inhabilitado".

Ante todo isto os socialistas piden respecto e transparencia para os veciños e veciñas. Solicitan unha auditoría das contas para que a veciñanza sepa da situación na que se atopa o consistorio e engaden que "é imprescindible abrir as ventás e ventilar o aire da prevaricación, o caciquismo e o escurantismo que reina no Concello dende hai máis dunha década".