O PSOE de Rairiz califica de "parálise" a xestión da alcaldesa

concello de rairiz de veiga
O PSOE de Rairiz califica de "parálise" a xestión da alcaldesa

Morgade non foi quen de sacar adiante varios puntos pola falta de apoio da Xunta de Goberno

O PSOE califica de erro o punto exposto pola rexedora no que se establece un segundo recoñecemento extraxudicial de créditos. Pretendíase así efectuar o pago de facturas por valor de 99.000 euros, con cargo á prórroga dos orzamentos do ano 2015. Foi un dos apartados máis conflitivos da Xunta de Goberno celebrada o o xoves.

Os socialistas consideran que o primeiro paso pasa por analizar a débeda real do Concello para levala a pleno e expoñela públicamente perante a veciñanza. "Unha vez coñecida a débeda real actual do Concello, é imprescindible e de carácter urxente, aprobar os orzamentos do ano 2016 para saber con que ingresos e gastos fixos contamos e a que facturas podemos facer fronte", sinalou o voceiro socialista, Pablo Lorenzo.

O portavoz tamén considera que é imprescindible analizar todas as facturas antes de aprobar o pago das mesmas, pois foran emitidas no mandato de Xosé Xaquín, "non imos a aprobar uns compromisos de pago adquiridos por un alcalde que xa estaba inhabilitado pola Xustiza\”, destacou Lorenzo.

Así as cousas, este punto non contou co apoio preciso para sacalo adiante. A falta de votos a favor veu tamén das propias filas do PP. Os tres tenentes de alcalde rexeitaron esta proposta e pedíronlle á rexedora que goberne por si mesa e non baixo as directrices do ex alcalde, Xosé Xaquín.

Ante estes feitos, dende as filas socialistas agradecen este cambio de rumbo e sinalan que " consideramos este xesto coma un compromiso cos veciños e agradecemos que compartan esta petición de transparencia municipal que tanto tempo levamos pedindo dende o PSOE para Rairiz".

Os socialistas presentaron unha moción de caracter urxente sobre a revisión catastral que contou co interese dos tres tenentes de alcalde, polo que será levada ó vindeiro pleno para o seu debate.