Os socialistas de Rairiz manteñen que Xosé Xaquín Rodríguez segue acudindo ó que foi o seu despacho no Concello, logo de ser inhabilitado por prevaricación. O portavoz do PSOE, Pablo Lorenzo, sinala nun comunicado que se trata de "visitas que comportan o tratamento de temas que poden comprometer a protección de datos e a privacidade, lóxica, dos asuntos de índole municipal".
A recén estreada alcaldesa, no pleno da súa investidura, recoñeceu que o ex rexedor acudiu algunha vez ó consistorio para explicarlle a xustificación dunhas facturas. Así as cousas, os socialistas desconfían que Xosé Xaquín exerce de "alcalde na sombra".
Por esta razón e por considerar que poden estar atentando contra a Lei de Protección de Datos, o PSOE de Rairiz plantéxase presentar unha denuncia ante unha posible vulneración de dita norma. Pablo Lorenzo apunta que de procederse poderían ter que afrontar o pago de sancións que "van dende os 60.000 ata os 300.000 Euros, que recaerían sobre as costas do ex-alcalde pero, tamén, da actual alcaldesa, do grupo de goberno e dos ex-traballadores que están accedendo a bases de datos protexidas", apunta.
Agora os socialistas téndenlle a man a rexedora de Rairiz para que mude a situación e comece unha nova etapa "nas formas e no fondo e unha profunda rexeneración política nun Concello", engaden, de non ser así acudirán á xustiza.