O PSOE de Rairiz presenta un recurso para que se repita unha investidura de alcalde legal

concello de rairiz de veiga
O PSOE de Rairiz presenta un recurso para que se repita unha investidura de alcalde legal

A por agora alcaldesa non se pronuncia sobre os feitos que acontecen

A situación do Concello de Rairiz de Veiga segue sen estar clara. A secretaria municipal presentou un escrito no que sinalaba que o pleno de investidura da nova alcaldesa "non cumpriu coa legalidade esixida e, polo tanto, non é axustado a dereito".

A funcionaria alega que, conforme a lei, antes de investir a un sucesor, a corporación ten que tomar coñecemento da marcha, neste caso de Xosé Xaquín Rodríguez, no prazo de dez días seguintes ó día no que se presenta a renuncia. Pasado este tempo, procederíase a celebrar un acto de investidura nun pleno extraordinario tamén nun prazo de 10 días. Todos estes procesos terían que facerse en dúas sesións separadas, pero non foi así. A secretaria engade "no punto da sesión relativo á elección de alcalde, e debido a que a 1ª tenente de alcalde era candidata á Alcaldía, o pleno tiña que haber sido presidido polo concelleiro de maior idade".

Ante todo isto, os socialistas presentaron no día de hoxe, un recurso de reposición para debater no vindeiro pleno, solicitando que se repita a investidura de alcalde de Rairiz, conforme á legalidade.

Entre tanto, Asunción Morgade non se pronuncia sobre os feitos recentes, segue sendo a actual alcaldesa de Rairiz de Veiga e acaba de firmar o seu ingreso no Partido Popular de Ourense.