O xoves sairá o nome da persoa que ocupará a alcaldía de Rairiz de Veiga

concello de rairiz de veiga
O xoves sairá o nome da persoa que ocupará a alcaldía de Rairiz de Veiga

Celébrase un pleno para repetir a elección de alcalde de xeito legal

O xoves será un día clave para acadar a normalidade no consistorio de Rairiz. A partir das 13h terá lugar un pleno do que sairá o nome da persoa que se fará cargo da alcaldía, ata agora asumida por Asunción Morgade.

O primeiro punto ó que se procederá é á toma de posesión de Manuel Corderí como concelleiro do Partido Popular que ocupará o vacío deixado trala dimisión de Xosé Xaquín.

O segundo asunto que se tratará será resolver o recurso de reposición presentado pola oposición socialista, contra a elección de Morgade como alcaldesa o pasado 15 de decembro, que consideraban ilegal.

O terceiro punto será a elección da persoa que pasará a ocupar o posto de rexedor do Concello. Para levar a cabo este paso e seguindo as indicacións da secretaria municipal, procederase a crear a mesa de idade da Corporación, que se ocupará de dirixir a sesión.

En canto ós candidatos, Asunción Morgade preséntase polo Partido Popular, formado por sete concelleiros, e o grupo socialista co seu portavoz Pablo Lorenzo, a quen votarán os membros do seu partido.

O xoves o pleno estará marcado pola decisión dos dous concelleiros do PP, que no pleno do 15 de decembro non apoiaron a Morgade na súa investidura. Mañá será un día importante para os veciños e veciñas de Rairiz de Veiga e para a estabilidade do Concello.