A Xunta realizará obras en prazas de Rairiz de Veiga

Concello_de_Rairiz_de_Veiga
A Xunta realizará obras en prazas de Rairiz de Veiga

O contrato de licitación establece un período de tres meses para a execución das obras, que contan cun investimento de 90.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar as obras para a humanización e mellora de varias prazas públicas do núcleo de Rairiz de Veiga, por un orzamento de 90.000 euros e un prazo de execución de tres meses.

Os traballos consistirán en rexenerar e pavimentar a zona, en función do estado actual que presentan, e mellorar os acabados, así como as infraestruturas de abastecemento con novas tubaxes ou arquetas. Tamén se construirán beirarrúas para facilitar o tránsito peonil e o achegamento das infraestruturas urbanas aos medios, creando espazos públicos que dean resposta ás súas necesidades actuais.

Esta actuación de mellora e humanización de varias prazas deste municipio execútase en base a un convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello, dentro do Plan hUrbe posto en marcha polo Goberno galego para mellorar as condicións e as contornas urbanas.

A Consellería de Medio Ambiente aposta tamén por este tipo de colaboracións cos concellos para axudalos a facer fronte a proxectos que, en ocasións, teñen un custe orzamentario elevado para as arcas municipais.