Acedo pleno en Sandiás

Pleno Sandias 24.09.18
Acedo pleno en Sandiás

O alcalde non logrou a aprobación do proxecto de cambios de luminarias a led,no seu segundo intento

O luns pola tarde-noite o concello de Sandiás celebrou un pleno ordinario no que o punto máis importante era un proxecto que xa era a segunda vez que se levaba a aprobación para facer un cambio de luminarias a led en moitos pobos do municipio.

O proxecto, presentado polo grupo de goberno, en minoría, foi defendido con contundencia polo alcalde , Felipe Traveso, pola súa importancia e para investir o remanente de tesourería do ano pasado.

Os grupos da oposición PP e PSOE opuxéronse verbalmente ao proxecto, incidindo en que eles non ven prioritario, aínda que necesario, o gasto do remanente nese proxecto. Eles teñen como prioridade a construción dunha residencia para maiores, con centro de día.

IMG_6993Despois de varias intervencións dos representantes dos grupos nunha agra e contundente discusión con acusacións cruzadas, tocoulle a vez o concelleiro non adscrito, que primeiramente negouse a dar explicación o seu voto, pero ante a insistencia do rexedor, aclarou que el tamén estaba en contra, producíndose un novo enfrontamento con Traveso.

Chegados a votación a proposta foi rexeitada, iso si aprobándose por unanimidade a creación dunha comisión que estude a viabilidade da residencia , pero xa a longo prazo.

Tamén por unanimidade fíxose a proposta o TSXG para a persoa que ocupará o posto de Xuíz de Paz Noemí Vázquez Nogueiras.