A arte das veciñas e veciños de Sandiás mostrarase na Casa de Cultura

A arte das veciñas e veciños de Sandiás mostrarase na Casa de Cultura
O venres ás 20:00 horas inaugurarase a II Exposición de Pintura, Manualidades e Restauración en Sandiás

No marco do Outono, Inverno e Verán Culturais, o Concello de Sandiás puxo en marcha a actividade Obradoiro de Pintura, Restauración e Manualidades, dentro do Programa Mantente Activo que se desenvolveu na Casa de Cultura ao longo do ano 2022, coordinado por Manola Traveso.

Froito dos traballos do obradoiro, inaugúrase a II Exposición de Pintura, Manualidades e Restauración na Casa de Cultura do Concello de Sandiás.

Trátase dunha mostra composta de preto de trinta cadros de pintura ao óleo con temáticas referidas a paisaxes, bodegóns, flores, mariñas, motivos infantís; e preto de oito pezas de manualidades como xarróns e preto de dez pezas de restauración como muíños, ferros antigos, cadeiras, palanganeras, elaborados todos durante este último ano.

En resumo, unha mostra de preto de cincuenta pezas que pon de manifesto o potencial artístico creativo de veciños e veciñas para "educar e gozar coa mirada".