O asasino máis buscado de Portugal pasou por un bar de Sandiás segundo varias testemuñas

asesino
O asasino máis buscado de Portugal pasou por un bar de Sandiás segundo varias testemuñas

Pedro João Dias, de 44 anos, é un dos homes máis buscados en Portugal tras asasinar a dúas persoas e ferir a outras tres en Aguiar de Beira. Os feitos aconteceron o pasado 10 de outubro cando axentes da GNR deron o alto a furgoneta na que viaxaba Pedro nun control rutinario. O home baixou do coche e disparou a un dos axentes provocándolle a morte e feriu ó seu compañeiro. Acto seguido púxose ó volante do vehículo da GNR e emprendeu a fuga. Máis adiante disparou a dous civís para roubarlles o coche.

Agora a policía portuguesa en colaboración coa española rastrexan o seu paso pola provincia de Ourense. Unhas testemuñas sitúan a Pedro nun bar de Sandiás o pasado martes 18. Segundo recolle o xornal La Región, un home con aspecto de fuxitivo tería entrado nun establecemento de hostalería situado á marxe da estrada N-525, momento que aproveitou para pedir un bocadillo. Cando o camareiro voltou da cociña o cliente xa non estaba na barra. O hostaleiro saiu na súa busca pero non o atopou nin nos baños nin na parte exterior do bar.

A primeira hipótese coa que traballan é que o home se percatou da presenza dun aparello de seguridade no local, o que propiciou a súa marcha.

Ó seguinte día outra testemuña sitúa ó fuxitivo no centro comercial Ponte Vella de Ourense. O subdelegado do goberno na provincia, Roberto Castro, declarou que existe un amplo dispositivo de vixilancia para localizar a Pedro João e que se está levando a cabo con moita discreción a raíz da alarma que xerou a fuga deste veciño portugués.