Concelleiros por un día en Sandiás

Alcalde cos nenos e nenas do campamento
Concelleiros por un día en Sandiás

Parlamento infantil en Sandiás co alcalde Felipe Traveso

O Concello de Sandiás ofreceu a oportunidade de participar na celebración dun pleno infantil moi especial presidido polo alcalde, Felipe Traveso, aos nenos e nenas que participan no “Campamento Concilia 2021” acompañados das súas animadoras. Os nen@s visitaron o salón de plenos do Concello e sentaron nos correspondentes asentos dos concelleir@s.

Nun primeiro momento o alcalde recibiulles a través dun saúdo. Seguidamente as animadores e os nen@s expuxeron brevemente a finalidade da súa presenza no concello: despois de coñecer e andar o último tramo do camiño de Santiago desde A Nogueira ata Piñeira de Riba, quixeron achegar ao concello aspectos positivos e melloras a realizar no camiño. En terceiro lugar, o alcalde explicoulles detidamente o funcionamento do pleno do concello, quen participa nel, temas tratados nos plenos e que finalidade ten dita institución. O propio fixo coa Xunta de Goberno Local.

Nenos e nenas entrando no concelloEn cuarto lugar, os nen@s tomaron a palabra por turnos expoñendo con brevidade os aspectos positivos e melloras sobre o camiño ao seu paso polo concello. Como aspecto positivo destacaron a nova variante do camiño por belas paraxes naturais e como aspectos a mellorar mencionaron a necesidade de colocar papeleiras nalgúns puntos, evitar tirar lixo, especialmente todo tipo de plásticos e máscaras, retirar pedras e troncos grandes no camiño, implicar aos veciños na limpeza dos carreiros, poñer rótulos para a auga potable, instalar algún banco ao longo do tramo do camiño para que descansen os peregrinos, crear unha aplicación dixital para pedir cita no Albergue, cortar a herba, non queimar o bosque e poñer farois para non perderse de noite.

O alcalde respondeu a algunhas destas peticións valorando positivamente algunhas e indicando outras que non as vía urxentes ou necesarias. Por exemplo, referíndose ás pedras e troncos grandes indicou que son retirados polas brigadas cando limpan; respecto a que colaboren os veciños, indicou que o concello xa vai pola III Xornada de Medio Ambiente que se organiza polo mes de Xuño e pídese a colaboración da veciñanza para limpar de lixo o monte e unha aldea cada ano; as papeleiras indicou que é unha boa idea pero os bancos non tanto xa que os peregrinos normalmente camiñan e no bosque hai moitos lugares para sentar; respecto da aplicación dixital para o Albergue indicou que a Xunta de Galicia xa ten unha activada para citas previas; tamén indicou que todos os anos execútase un plan de limpeza dos camiños por parte das brigadas antiincendios. En relación cos farois, indicoulles que non son necesarias xa que hai que poñer cables no bosque e tamén os peregrinos normalmente camiñan de día e descansan e dormen de noite.

En quinto lugar, houbo unha quenda de preguntas abertas que quixesen facerlle ao alcalde. Preguntaron sobre os traxes rexionais expostos na sala de plenos, como eran as reunións dos plenos, quen máis traballaba no concello e pediron unha piscina para o concello. O alcalde ensinoulles os traxes rexionais explicándolles o por que estaban alí, expuxo como funcionaba unha reunión ordinaria do pleno e por último tentou explicar o por que o equipo de goberno actual non consideraba, de momento, unha urxencia facer unha piscina, dado que hai outras necesidades máis urxentes e importantes que atender nas varias aldeas do concello.

Por último, Felipe Traveso, fixo entrega de premios a 5 nen@s do campamento “Concilia 2021” que gañaron o concurso “Coñece e anda o camiño de Santiago ao seu paso por Sandiás”. Grazas a este tipo de visitas, a figura do Alcalde e concelleir@s, así como a das institucións, achégase aos máis cativ@s do concello e os nen@s teñen a oportunidade de participar dunha maneira activa e concreta na dinámica das institucións rurais.