O Concello de Sandiás incrementa nun 12,16% os orzamentos para o ano 2021

concello sandias 2psd
O Concello de Sandiás incrementa nun 12,16% os orzamentos para o ano 2021
O PP, oposición no concello, abstívose na votación

O Concello de Sandiás incrementa nun 12,16% os orzamentos para o ano 2021. As liñas mestras do orzamento son: servizos sociais (35%), servizos básicos e cultura (28,10%), gasto de persoal (30,46%) e investimento real (6,44%). O orzamento quedou aprobado en pleno o día 16/11/2020, con sete votos a favor ( Agrelsán) e dúas abstencións (Partido Popular).

alcalde presupostos

O Concello de Sandiás, baixo a dirección do alcalde Felipe Traveso, xestionará un orzamento de 1.036.866,54 Euros en 2021, destacado por un incremento do 12,16% con respecto ao de 2020. Un orzamento real xa que deixa á marxe as subvencións aprobadas de entidades externas. O gasto de persoal supón o 30,46% e xestionase con él todos os servizos municipais para atender novas necesidades e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios. Nos últimos anos incrementouse para facerlle fronte aos contratos do persoal de Axuda no Fogar e do Punto de Atención Infantil (PAI), de titularidade municipal. As actuacións na área de servizos sociais, servizos públicos básicos, educación e cultura representan un 63,10% do orzamento.

Un dos puntos importantes polo que o equipo de goberno de Felipe Traveso volveu apostar ten que ver coa conxelación de impostos municipais tales como o lixo ou a auga, así como a taxa por emprego do velorio así como taxa polo uso do Punto de Atención Infantil (PAI). Tamén é destacable que a débeda pública do concello é cero sendo o período medio de pago a provedores de 11 días.

Tendo en conta que estamos nun escenario que obriga a reforzar transversalmente os servizos e actividades sociais fundamentais, os orzamentos priorizan varias liñas de actuación:

a)Servizos sociais públicos e dinamización do emprego, coa conxelación dos impostos municipais, mantendo o servizo de axuda no fogar para a atención a dependencia, fortalecendo o programa “ xantar na casa, completando o proxecto de rehabilitación de infraestructurdas adicadas a vivendas sociais e dotando unha partida para obradoiros de emprego.
b) Mellora das infraestruturas e equipamentos: continuar coa rehabilitación de antigas escolas de mestres adicadas a vivendas sociais. Está aprobada a reforma da escola de Santa Ana e o amoblado da escola de As Pegas. Esta última pronto sairá a concurso para a súa ocupación. Tamén se continúa coa mellora da rede municipal de estradas e camiños, a renovación e arranxo progresivo do mobiliario público, plan de aforro e eficiencia enerxética que pechou este ano a primeira fase de execución coa renovación de 370 puntos lumínicos LED en 10 aldeas do concello e intervención sobre as fosas sépticas pendentes de mellora.

c)Cultura, educación e conciliación familiar. Continúase coa subvención a ampa para a atención temperá, excursión fin de curso e acceso á piscina todas as semanas. Aposta por un programa cultural de actividades de primaveira, outono e inverno organizadas polo concello (baile, pintura e restauración, magosto, obradoiros de ximnasia, andaina&trail, semana micolóxica, exposicións… ). Tamén a subvención para o campamento de verán que ten como finalidade ofertar unha alternativa para o ocio no rural e ofrecer apoio no relativo a conciliación familiar. Si a situación da pandemia o permite, é intención do equipo de goberno de manter as diversas programacións de actividades aplicando os protocolos preventivos establecidos.

d)Patrimonio, turismo e novas tecnoloxías: continúase coas actividades de posta en valor e divulgación do patrimonio. Tamén o inicio dun plan dirixido a transformación dixital do concello, que ten como finalidade mellorar o acceso a administración electrónica, garantir a protección de datos e a seguridade da rede dixital, favorecer a interacción do concello coa veciñanza e ofrecer unha información de calidade e mellor organizada.