IV Edición do Campus Arco en Sandiás

IV Edición do Campus Arco en Sandiás
Comezou o 30 de xullo e rematará o 6 de agosto

O sábado, 30 de xullo pola tarde, no polideportivo do CEIP de Sandiás, despois dunha presentación do equipo de adestradores e organizadores acompañados de xogadores e familias, comezou o Campus, e con isto un tempo cheo de diversión, amigos e, sobre todo, práctica do baloncesto.

Durante a tarde leváronse a cabo as primeiras probas para establecer o nivel dos mozos e mozas que participan no campus de baloncesto e establecer as agrupacións que actuarán nos próximos días. Pola noite desenvolverán unha velada conxunta coa finalidade de coñecerse mellor entre todos os participantes.

O Campus, no que respecta a Sandiás, desenvolverase tamén case todo o día 3 mércores no complexo polideportivo da Aldea de Couso de Limia onde levarán a cabo competicións 2x2 e 3x3.

Nesta cuarta edición os organizadores queren seguir ofrecendo unha experiencia máis innovadora, única e inesquecible de excelencia relacionada cos coñecementos e habilidades da práctica do baloncesto.

As instalacións deportivas estarán situadas no polideportivo municipal de Xinzo de Limia e no Polideportivo do Concello de Sandiás con instalacións versátiles para a práctica do basket e do minibasket e o aloxamento para os xogadores e xogadoras da modalidade interno os técnicos e membros da organización estará emprazado nas instalacións do CEIP de Sandiás, un lugar cómodo e acolledor onde levarán a cabo veladas nocturnas, xincanas, talleres, convivencia e festa final.

Ao Concello de Sandiás, unha vez máis, énchelle de orgullo a presenza de Campus Arco e colaborar cunha experiencia educativa tan interesante para a formación dos mozos e mozas que participan no mesmo.