Novas reformas no albergue de peregrinos de Sandiás

foto1. reformas no albergue
Novas reformas no albergue de peregrinos de Sandiás

Nesta ocasión a Axencia Galega de Turismo investirtá preto de 50.000 €

O Camiño de Santiago o seu paso polo concello de Sandiás contará cunha renovada edificación para atender as demandas de hospedaxe dos peregrinos.

Forma parte da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, en concreto do camiño sudeste-Vía da Prata. O proxecto do Albergue naceu no ano 1998 e rematou a súa construcción no ano 2000. A redactora do proxecto e a directora de obra foi Elvira Carregado Pazos. En marzo de 2004 un obradoiro de emprego realizou melloras nos xardíns da contorna do albergue e no ano 2020, no contexto do Programa Cultural Xacobeo 2021, acometeuse un plan de melloras subvencionado pola Axencia Galega de Turismo licitadas en 48.392,03 Euros.

Da arquitectura dunha palleira tradicional a un edificio moderno e funcional

Sitúase o albergue ao pé da Vía da Prata que cruza Sandiás, entrando dende Xinzo de Limia a través das aldeas de Vilariño das Poldras e Couso de Limia. A idea primixenia do albergue de Sandiás xorde en torno a arquitectura dunha palleira tradicional. O aspecto exterior do edificio respecta a contorna mantendo o aspecto dunha edificación tradicional pero sen renunciar a criterios de diseño modernos e cun uso moi funcional. Destaca de maneira especial a fachada principal composta por unha orixinal celosía de lamas de madeira de cedro do Brasil. O edificio consta de dúas plantas e tódalas estancias están abertas cara o espazo central a modo de patio planificado como zona de estar. O albergue ofrece variados servizos.

Deficiencias e intervencións de mantenemento e reforma

Co paso do tempo producíronse unha serie de deficiencias que era preciso arranxar para que o edificio cumpra coas funcións para as que foi construído.

foto1. reformas no albergueO exterior do edificio presentaba deficiencias nas fachadas: foi preciso substituír a celosía de madeira da fachada principal mantendo a madeira orixinal de cedro do Brasil, tratamento de limpeza das fachadas de pedra con sellado das carpinterías exteriores, reparación de gretas nos muros, impermeabilización con tratamento antihumidade e pintado do aleiro de formigón que conforma o porche da planta baixa, substituír dous apliques e un grifo, pintar a varanda e o aparcabicicletas e arranxar a sinalización do albergue con novos vinilos de sinalización do albergue e o escudo do concello. No interior foi preciso pintar o interior, substituír as mamparas das duchas, a luminaria do espazo común, o timbre e substituír os cadros deteriorados que cubren as paredes dos espazos.

A actuación prevista no albergue de peregrinos de Sandiás permitirá dar acubillo e mellorar os servizos que se ofrecen aos peregrinos que percorren o Camiño Mozárabe/Via da Prata, un trazado que conta cun gran potencial de crecemento. Ademais, é unha ruta que transcorre ao carón do complexo húmido Limia-Antela, Areeiras de Sandiás e ao carón da Igrexa de Santo Estevo, a Vía Nova e a Torre Medieval de O Castro, un territorio singular que supón un exemplo sobranceiro da acción conxunta das persoas e a natureza, mestura de patrimonio natural e patrimonio histórico-cultural.

Segundo ten indicado a Xunta de Galicia, o limite de ocupación nas zonas comúns será do 50%, pero nas habitacións redúcese ao 30%, salvo para grupos burbulla acreditados. As camas manterán unha distancia mínima de 1.5 metros e nas liteiras evitarase o uso de contiguas e superiores. Recoméndase o uso de máscara pola noite. Estas medidas preventivas será complementadas co seguro coronavirus que cubre a peregriños e turistas en relación cos gastos farmacéuticos, sanitarios, hospitalarios e de repatriación.