Piden 3 anos de cárcere por provocar un incendio en Sandiás

Imaxe de arquivo dunha avioneta apagando lumes.
Piden 3 anos de cárcere por provocar un incendio en Sandiás

Tamén solicitan unha multa de 6 € ao día durante 15 meses.

José Manuel B. G., de 32 anos, enfróntase a tres anos de prisión por un delito de incendio forestal –queimou 13,70 hectáreas– que se rexistrou ás 14:30 horas do día 13 de abril do ano 2015 nunha marxe da estrada que conduce a Cerredelo, no concello limián de Sandiás.

Ademais dos tres anos de prisión, o ministerio público tamén solicita unha multa de 15 meses a razón de seis euros por día.

O acusado, que foi detido ao día seguinte do incendio, sentou onte no banco do Xulgado do Penal 2 de Ourense, pero a vista oral foi suspendida ao non comparecer un dos dous particulares que reclaman danos ao afectar as chamas a leiras da súa propiedade.

Segundo recolle o escrito da fiscal, José Manuel B. G. conducía ese día un vehículo Hyundai que parou na mesma estrada. Acto seguido, apeouse do vehículo e cun chisqueiro que levaba no peto prendeu lume na cuneta. O escrito de acusación fai referencia ás condicións climatolóxicas rexistradas ese día, cando o vento sopraba cunha forza de até 50 quilómetros á hora. A media da humidade situouse nesa xornada nun 36%, que, xunto co vento, favoreceu a propagación do lume.
Os efectivos de Medio Rural apagaron as chamas, orixinándose un gasto total de 34.961 € que agora o acusado, segundo expón a fiscal, terá que ingresar nas arcas da Xunta de Galicia.

Ademais dos tres anos de prisión, o ministerio público tamén solicita unha multa de 15 meses a razón de seis euros por día.