Remata o Obradoiro de Estimulación Cognitiva coa Asociación de Alzheimer de Ourense en Sandiás

Remata o Obradoiro de Estimulación Cognitiva coa Asociación de Alzheimer de Ourense en Sandiás
Participaron un total de 25 veciños das aldeas de Piñeira de Arcos, Arcos, Vilariño das Poldras, Lavandeira, Santana, Novaiño, Sandiás, Xinzo, Couso de Limia e As Pegas

Onte, xoves, 14 de xullo finalizou o obradoiro que a Asociación de Alzheimer de Ourense (AFAOR) e a Concellería de Política Social e Participación Cidadá do Concello de Sandiás, executaron e patrocinaron respectivamente destinado a persoas maiores válidas e/ou con deterioro cognitivo leve, con carácter gratuito ao longo do ano 2022.

5 meses de obradoiros

O primeiro obradoiro comezou o xoves, 31 de marzo ás 18.00h da tarde e o último finalizou o 14 de xullo de 2022 cunha duración de cinco meses.

Participaron un total de 25 veciños das aldeas de Piñeira de Arcos, Arcos, Vilariño das Poldras, Lavandeira, Santana, Novaiño, Sandiás, Xinzo, Couso de Limia e As Pegas. Houbo unha merenda de despedida e entrega dos correspondentes diplomas.

Os obxectivos

A animadora especialista que desenvolveu o temario do obradoiro foi Mayara Estevam, educadora social. Os obxectivos do obradoiro foron en liña de traballar o embexecemento activo. As sesións duran unha hora e media e trabállase persoalmente e en equipo.

Tratouse de poñer o cerebro á súa máxima funcionalidade e traballar as capacidades mentais como o cálculo, o razoamento, a memoria, e a atención para mellorar as mesmas. Entre os tipos de actividades que se realizaron destacan a estimulación cognitiva, actividades de psicomotricidade, cálculo, razoamento, percepción, atención, memoria e interactividade con dinámicas grupais, comunicación e interacción entre as persoas.

"Con ganas de repetir o próximo ano 2023"

Foi unha actividade que gustou moito e os participantes quedaron con ganas de repetir o próximo ano 2023 dado que as persoas interactúan entre elas rachando coa soidade, aumentando a súa autoestima e fortalecendo o texido da comunidade territorial.

Os asistentes recibiron tamén de agasallo un lápiz máxico que vai permitir continuar co traballo do obradoiro ao longo do verán.

O Concello de Sandiás agradece a AFAOR e en particular a Mayara a súas ensinanzas e facer pasar estes momentos xuntos.