Restaurado o mirador de aves nº 1 das areeiras de Sandiás

Mirador nº1 nas areiras de Sandiás
Restaurado o mirador de aves nº 1 das areeiras de Sandiás
A restauración estça inspirada nos Palafitos da antiga Lagoa de Antela

A cabalo entre o mes de Xaneiro e Febreiro os operarios do Concello de Sandiás seguindo as orientacións dunha técnica de Medio Ambiente procederon as labores de roza, teitado e arranxo dos laterais do Miradoiro 1 das Areeiras, respectando a flora e a intimidade da fauna existente. Dito mirador é unha construcción inspirada nos hipotéticos Palafitos existentes na Antiga Lagoa de Antela. O concello de Sandiás ábrenos as portas ao goce da ornitoloxía a través do Roteiro de Avistamento de Aves, unha parada obrigatoria para os amantes da biodiversidade e do patrimonio xeolóxico-mineiro das charcas areeiras fruto da actividade industrial de extracción de áridos.

Teitanto a cuberta e rehabilitando o tecido dos pes laterais

Mirador de aves nº1 nas areeiras de Sandiás
Mirador de aves nº1 nas areeiras de Sandiás

Cada certo tempo hai que teitalo renovando o colmo, unha laboura que da bastante traballo. Utilizáronse espadanas para o teito e para os laterais canas de salgueiro.

En tempos ancestrais como nos indica o etnógrafo Elixio Rivas “afincaban os pés dereitos do palafito no circo; alto sobre o nivel das augas, con tecido de vergas a parede circular, con arxila por dentro e que cubrían de colmo do propio bión (…). Cabanas de varas e pallabarro” (A Limia II). Segundo a descrición de Elixio Rivas “ os fortes e longos estacós chantábanse no circo (…). A certa outura faguíase o sobrado e comezaba o tecido de cesteiría nos pés dereitos, embarnando cunha maseirada de arxila o tecido de corras para non entrá-lo aire, á maneira dos tabiques de pallabarro. Remataban (…) póndolle un colmo ou cuberta de bión do que medra na lagoa, asegurado con cangas ou lareiros” (A Limia I).

E remata o autor: “Os traballos levados a ramo no Bión e Veiga de Antela (…) baixando os dous metros de profundidade deron o traste con todo. O feito, peito. Agora temos que valernos do que hai e da lembranza e testemuño do que houbo esperando que no tempo futuro se vaia descubrindo cousas da chaira” (A Limia II).

¿Unha plataforma asolagada onde erguer un hábitat palafítico no Neolítico?. Isto xa non é posible comprobalo empíricamente.

¿Dos palafitos lacustres do bión as palleiras de terróns de terra firme?

Pola contorna dos pobos de Sandiás aínda e posíbel ver algún pendello con cuberta de colmo de palla. Na Labandeira, Cardeita e Zadagós, pobos máis perto dos palafitos e probables herdeiros deles, aínda se ve algunha casa redonda e palleiras con paredes de terróns. Dinos Elixio Rivas que “ise recordo de pobos lacustres que fica entre a xente da corntorna, que se asulagaron no Bión, é pra ter en conta. O galiño da torre, as capaíñas que tocan e outras anadiduras, namáis ca son requilorios” (A Limia I). Elixio defende que despois de centos de anos vivindo nos poboados lacustes, foi esmorecendo o habitat e coa aparición da agricultura saltamos a terra, fabricando as cabanas de terróns nos pobos máis antergos como a Corga, Labandeira e Zadagós.

A alcouzada do Pozo do Piorno no territorio de Sandiás

Francisco Conde Valvís falounos de tres alcouzadas, “cortellos”, “palafitos” ou “piornos” (o grupo do Piorno, o grupo da Seara Alta e o Grupo dos Mosqueiros) podendo existir algunha máis na zona chamada pola xente do lugar “A Ría”. En pobos como Bustelo, Casasoá e outros próximos, recibían o nome de “cortellos”. En total, 150 palafitos.

O “Pozo do Piorno” estivo situado debaixo de Cardeita e a Labandeira, onde viña dar o regueiro de Piñeira de Arcos. Tiña 36 cortellos. Para Rivas o nome “piorno” é de moito interés. Descarta que se refira a un arbusto e sí dun pozo fondo, sempre cheo de auga, posiblemente o nome que se usaba nos primeiros como equivalente a palafito: “ o piorno poia que sexa a última lembranza do derradeiro palafito” (…) Piorno púdo sé lo-nome daquela casa típica feita na auga, é decir, valer esaitamente o que vale o cultismo palafito ( A Limia I e II).