O rexedor de Sandiás permanece no seu posto logo de romperse o pacto de goberno

asemblea
O rexedor de Sandiás permanece no seu posto logo de romperse o pacto de goberno

Celebrouse unha tensa asemblea de veciños e electores de Agrelsan

Tras a dimisión do edil Fernando Miguel Vázquez, o grupo de goberno do concello de Sandiás pasa de ter 4 a 3 concelleiros. Con todo Felipe Traveso seguira ó frente do consistorio como o leva facendo ata agora. Vázquez sinalou que a súa dimisión se debe a unha falta de acordo coa actividade levada a cabo polo rexedor. Traveso pola súa banda díxolle ó edil que non continuara falando por considerar que mentía coas súas palabras.

Estes feitos tiveron lugar nunha asemblea que se celebrou na noite do mércores na Casa da Cultura de Sandiás. A ela estaban chamados todos os veciños e veciñas así como os electores do grupo Agrelsan que encheron a sala.

Felipe Traveso quixo defenderse das palabras emitidas pola oposición socialista da man de Juan Manuel Quintas, quen acusou ó goberno de "oscurantismo" e de que "non comentaban nada sobre os asuntos do goberno local". Ante estas verbas, Traveso acudiu á asemblea coas catro actas dos catro plenos celebrados e as cinco actas das cinco xuntas de goberno que se levaron a cabo. "Sabedes cantas mocións levou o señor Quintas a estas actas?as mismas que levou nos 12 anos que leva no concello, cero patatero!, cero rogos e preguntas", engadiu o alcalde de Sandiás. Así mesmo, Felipe Traveso resaltou que todo o que se levou a cabo aprobouse por unanimidade polo que dixo non entender as palabras do socialista que os acusaba de ocultar informacións. Traveso tamén levou unha copia das súas retribucións para que os veciños e veciñas tiveran constancia de que o goberno non quere ocultar datos.

Os asistentes cruzaron palabras tensas cos políticos que ata ali se achegaron. A maioría quixo apoiar ó seu alcalde e a Agrelsan.

Logo de romperse o pacto político, a seguinte asemblea que se celebrará será a dos socialistas o vindeiro día 29. Na xuntanza, os militantes tratarán de buscar medidas que faciliten a actividade do goberno en Sandiás.