Sandiás presenta alegacións ao Plan Sectoral Areeiras da Limia

Felipe Traveso, rexedor de Sandiás pola Agrupación de Electores de Sandiás
Sandiás presenta alegacións ao Plan Sectoral Areeiras da Limia

O documento foi remitido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, despois de que a dirección xeral de Enerxía e Minas, solicitase á consellería a continuidade do proxecto.

O concello limián de Sandiás emitiu, ao inicio da pasada semana, un escrito de alegacións e suxestións á Xunta de Galicia, con motivo do anuncio de continuidade na tramitación do "Plan Sectorial Areeiras da Limia".

O documento foi remitido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, despois de que a dirección xeral de Enerxía e Minas, solicitase á consellería a continuidade dun proxecto paralizado desde o seu inicio, no pasado mes de abril. O goberno municipal de Sandiás, encabezado polo rexedor independente Felipe Traveso, xustifica o seu escrito de alegacións na vontade municipal de "defensa dos intereses do concello e dos seus cidadáns".

Entre as demandas máis destacábeis presentes no documento, cabe salientar a solicitude de exclusión da zona comprendida desde a Canle da Lagoa –cara ao sur– até preto do límite territorial co municipio de Xinzo de Limia, por ser solo susceptíbel de albergar outro tipo de actividades "permitindo un maior desenvolvemento económico da zona".

Así mesmo, solicita o informe que se recolla no Plan a responsabilidade da administración e dos executores sobre o estado de conservación dos camiños e estradas que teñan que empregar. Neste senso, afirma que os municipios emitirán un informe sobre os viais e, de non ser favorábel, "deberanse adoptar as medidas oportunas" por parte da administración autonómica para revertelos ao seu estado inicial.