Sandiás presentou o amplo programa NADAL 2022

Alcalde e concelleiras
Sandiás presentou o amplo programa NADAL 2022

CONCERTO DE MÚSICA DE CÁMARA, ESPECTÁCULO DE MAXIA, CANTAR OS REIS E CAMPAÑA DE SOLIDARIDADE NO NADAL DE SANDIÁS

Sandiás terá este Nadal unha programación de actividades para todos os públicos. Desenvolveranse seis temáticas propias destas festas: a ambientación ou decoración, festa para os máis pequenos, música de cámara, maxia, recuperación de tradicións como os Reis Meigos e Cantar os Reis e finalmente, a campaña de solidariedade. O programa foi presentado polo alcalde, Felipe Traveso, e os concelleir@s de cultura (Pepe Gándara), xustiza social e participación cidadá (Pilar Cabrera) e economía e medio ambiente (María José Manso).

cartaz programa nadal
cartaz programa nadal

En relación coa ambientación e decoración volve á casa do concello, a casa, o tren, os coellos, cervos, a ponte, o pescador e unha novidade, a presenza da torre do Castro, emblema simbólico do concello. A decoración abarcará tamén ás 18 aldeas do concello con pequenos pero significativos motivos do Nadal que acendan a maxia e a ilusión dos veciños nestas festas. O material será como sempre de baixo custo e con material reciclado modelado de maneira entusiasta polas brigadas do concello e a axuda de veciños.

A festa para os máis pequenos estará protagoniza polo alumnado do Ceip de Sandiás e os máis pequenos do Punto de Atención Infantil (PAI). Celebrarase coa colaboración do concello, do Ceip, o PAI e o Ampa de Sandiás. Haberá sorpresas ao final. Celebrarase o 23 de Decembro pola tarde.

A música terá tamén o seu protagonismo no Nadal de Sandiás. Abriremos o Nadal co I Concerto de Coro de Cámara “Madrigalia” (A Coruña) cun programa musical de Nadal con perspectiva de xénero tanto no que respecta a autoria das obras como a súa interpretación e nunha magnífica contorna onde estarán de protagonistas a boa sonoridade da nave central e o retablo do famoso escultor Francisco de Moure da Igrexa de Santo Estevo. Será o xoves, 22 de Decembro ás 19.00 h da tarde.

Non podía faltar nestas festas un espectáculo de maxia (Unha noite máxica) protagonizado polo mago e ilusionista Jose Rivera. Terá lugar o xoves, 29 de Decembro ás 20.00 h na Casa de Cultura. Tamén contos de Nadal para os máis cativos narrados coa colaboración de Cristina, coordinadora do Punto de Atención Infantil (PAI).

O tradicional Nadal é un bo momento para recuperar ou manter tradicións. Neste caso teremos a Visita dos Reis Meigos aos máis pequenos (xoves, 5 xaneiro pola tarde) e recuperamos a tradición do Cantar os Reis en colaboración co CDR O Viso (xoves, 5 de xaneiro pola mañá).

Finalmente, hai que destacar a campaña de solidariedade ao redor da recollida de diñeiro, alimentos e roupa coordinada entre o concello e as parroquias de Piñeira, Couso e Sandiás. Deu comezo o 14 de Novembro e finalizará o 21 de Decembro. Os alimentos irán ao Banco de Alimento de Ourense, a roupa ao almacén de Cáritas do arciprestado de Xinzo de Limia e o diñeiro doado investirase en gran parte na potenciación do comercio local do concello.