Juan Manuel Quintas, voceiro dos socialistas neste concello, recorda que "para a comarca de A Limia a produción de pataca é un piar fundamental da súa economía"
O PSdG de Sandiás solicita un pleno municipal extraordinario para traballar coordinadamente ante a praga de larva guatemalteca que ameaza a pataca. Iso é o que propoñen os socialistas de Sandiás para facer fronte a unha calamidade para a agricultura que xa afecta a unha trintena de municipios de media Galicia e que poder chegar á provincia de Ourense, debido a falta de medidas efectivas do Partido Popular dende o goberno do Estado e o goberno autonómico durante o último ano e medio.
O PSdeG-PSOE de Sandiás reclama que o pleno inste ó Goberno de España á publicación urxente do real decreto que regule a plantación da pataca nas zonas delimitadas pola praga. Tamén solicita á Xunta a dispor dunha partida orzamentaria suficiente para proceder ás oportunas indemnizacións; a poñer en marcha un plan de investigación científica; a establecer un plan informativo; a convocar unha mesa sectorial con todos os axentes implicados e a dispor do persoal necesario para o control da praga. Os socialistas tamén reclaman no escrito a implicación do Instituto do Campo, un ente dependente da Deputación, para as tarefas de análise e asesoramento técnico que se lle van a endosar ós entes locais.
Unha das principais zonas produtoras de Galicia é A Limia, que colleita unha media superior aos 110 millóns de quilos o ano, o que supón unha quinta parte do total de Galicia. O voceiro dos socialistas no concello, Juan Manuel Quintas, recorda que "para a comarca de A Limia esta produción é un piar fundamental da súa economía" e a posible chegada desta praga "pode supor unha parálise de tódolos sectores económicos que sosteñen esta comarca e a provincia ". “Coa moción buscamos consensuar coas distintas forzas políticas as medidas eficaces que se deben poñer en marcha”, asegura.
Quintas tamén recorda que o atraso na publicación do real decreto de prohibición de plantacións está creando "gran inquedanza así coma unha situación de inseguridade xurídica" cando a tempada de plantación da pataca está a piques de comezar. “A situación esixe buscar a coordinación de todas as institucións, incluído o Concello de Sandiás, para acadar medidas correctoras e de prevención” explica o socialista. “As actuacións unilaterais e persoais afondan no caos”, insiste o voceiro mentres recorda que “as actuacións prudentes e sensatas deben imporse sobre as actuacións unilaterais”.
A solicitude deste sesión extraordinaria xa foi presentada no rexistro do Concello. Os socialistas recordan que a celebración do pleno extraordinario non poderá demorarse máis de quince días hábiles dende a solicitude, e sen que se poida incorporar o asunto na orde do día dun pleno ordinario ou de outro extraordinario, se non o autorizan expresamente os solicitantes. Ademais, se o alcalde-presidente non convocase a sesión extraordinaria para a súa celebración no prazo sinalado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte o da finalización de dito prazo.