Os vehículos de máis de 25 anos non pagarán impostos en Sandiás

Casa consistorial de Sandiás
Os vehículos de máis de 25 anos non pagarán impostos en Sandiás

O concello convoca tamén unha bolsa de emprego para un "auxiliar de atención municipal".

O concello limián de Sandiás vén de aprobar unha nova ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, que entrará en vigor en xaneiro do vindeiro ano 2017. Así o acordou de maneira provisional o pleno ordinario do municipio celebrado o pasado 26 de setembro. A principal novidade desta nova norma municipal radica na posibilidade de que aqueles propietarios de vehículos con máis de 25 anos poidan solicitar a exención deste imposto municipal no consistorio. O rexedor independente da localidade, Felipe Traveso, afirma que se "deixaron os impostos para os demáis vehículos na contía mínima permitida pola lei" e que se trataba dunha vella demanda dalgúns veciños.

A razón da aprobación desta nova ordenanza é que, ante a inexistencia dunha norma municipal a este respecto, o concello limián tiña que se rexer pola lexislación autonómica, a pesares de contemplar esta a posibilidade de as administracións locais regulen esa competencia. O alcalde defende a exención dos vehículos de maior antigüidade a pesares de que se todos os propietarios deste tipo de medios de transporte solicitasen a exención, o concello deixaría de ingresar "algo máis de 2.200 euros" nas contas municipais.

BOLSA DE EMPREGO DO CONCELLO

A administración local de Sandiás aprobou tamén, cun acordo de Alcaldía do pasado día 7 de novembro, a convocatoria dunha bolsa de emprego para un posto de "Auxiliar de atención de velorios, centro social, traballos de limpeza e outras tarefas dentro dos servizos de competencia obrigatoria dos concellos previstos na Lei 7/1985 de bases de réxime local".

A duración da bolsa de emprego é dun ano –durante o 2017– prorrogable a outro máis. Cunha modalidade de contratación temporal laboral para "servizo determinado", seleccionarase ao traballador mediante un "concurso de méritos". O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro martes día 15.