1 Millón de € para a estrada de Xinzo a Cortegada pasando por Celanova

estrada Xinzo cortegada
1 Millón de € para a estrada de Xinzo a Cortegada pasando por Celanova

A Xunta licita as obras de mellora do firme na totalidade da estrada ou-531, desde Xinzo de Limia ata Cortegada, cun investimento de máis de 1 millón de euros

As obras realizaranse na vía ao seu paso por Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme na totalidade da estrada OU-531, desde Xinzo de Limia ata Cortegada, cun investimento de máis de 1 millón de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas obras ás que as empresas interesadas poderán optar presentando as súas ofertas ata o vindeiro 18 de maio. A Xunta prevé iniciar as actuacións en verán para telas rematadas neste mesmo ano.

O obxectivo da actuación é o acondicionamento da capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada, ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

Para rehabilitar o firme nesta vía autonómica levaranse a cabo traballos de fresado e o posterior estendido de mestura bituminosa en quente.

Tamén se realizará a limpeza de cunetas e salvacunetas, o reperfilado de noiros e a execución de cunetas de seguridade revestidas.

Ademais repoñeranse as marcas viarias afectadas polos traballos de reparación do firme e melloraranse os pasos de peóns mediante marcas viarias e balizas retrorreflectantes.

O Goberno galego continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.