10.800 prazas en campamentos para este verán 2022

Campamento Muiños
10.800 prazas en campamentos para este verán 2022

A campaña terá como lema ‘O verán que queres contar’, ampliará en tres mil as prazas ofertadas o ano pasado e en mil as que había antes da pandemia

A Xunta presentou a campaña de verán para este ano 2022, que será a maior da historia ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, detallou esta mañá o catálogo de actividades deseñado para esta edición no campamento xuvenil Pontemaril, en Forcarei, onde salientou que se trata dunha oferta ampla e variada para que a xuventude galega siga desfrutando dun verán cheo de experiencias que compartir e lembrar ao longo da súa vida.

Baixo o lema O verán que queres contar, a campaña estival para este ano 2022 inclúe campamentos en 36 instalacións repartidas por toda a Comunidade para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos; 45 campos de voluntariado en Galicia e tamén noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro para maiores de idade ata os 30 anos; programas de intercambio bilateral con outras comunidades; minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

A conselleira concretou que entre as novidades desta edición atópanse tres campamentos totalmente novos, dous deles en novas instalacións situadas en Xunqueira de Ambía e na Veiga; nove campamentos de voluntariado novidosos en concellos como Mesía, Baleira ou Sanxenxo; e recupéranse os campos de voluntariado internacionais doutras edicións para realizar actividades noutros países de todo o mundo. As actividades realizaranse durante os meses de xullo, agosto e comezos de setembro.

Entrimo_3
Campamento Entrimo

Prazo de solicitudes

O Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro luns esta oferta de actividades para a xente nova, o que significa que o mércores, despois do festivo, abrirase un prazo de sete días para que as familias soliciten praza a través da páxina web de xuventude. Trátase dunha oferta inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas. Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos.

Fabiola García lembrou que esta campaña de verán permite que as mozas e mozos pasen un verán inesquecible, pero tamén representa un importante recurso de conciliación para as familias. Neste sentido, afirmou que o Goberno galego segue poñendo facilidades para que as nais e pais poidan conciliar a súa vida familiar e laboral.

O Goberno galego incrementou a súa oferta de ocio e tempo libre para este verán ao igual que o leva facendo o resto do ano a través dos programas Primavera Xove e Outono Xove. Con estas iniciativas, póñense en marcha actividades destinadas á xente moza nos espazos xoves de toda a Comunidade, encontros formativos e de networking nos campus universitarios e estadías en albergues xuvenís durante as fins de semana ou en períodos vacacionais como a Semana Santa.