jueves 23/9/21

140 propostas de sanción nos últimos días na provincia de Ourense

A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 395 dispositivos de control na provincia durante os últimos oito días

210408_CECOR

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu na mañá de hoxe unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Emilio González subliñou que, tralo intenso traballo realizado durante a Semana Santa, as forzas e corpos de seguridade continúan coas labores de prevención fronte a COVID-19, levando a cabo controis e dispositivos para asegurar o respecto das distintas medidas decretadas polo Goberno autonómico, entre elas as referidas á mobilidade ou as incluídas no Plan de Hostalaría Segura. González Afonso indicou que seguirán reforzándose os operativos de control da mobilidade nocturna, posto que en Galicia se mantén esta limitación entre as 22:00 e as 06:00 horas.

Durante a reunión, o subdelegado do Goberno fixo balance das actuacións realizadas polas forzas e corpos de seguridade durante os últimos oito días para vixiar o cumprimento das medidas sanitarias vixentes. En total, do 31 de marzo ao 7 de abril a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 395 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.155 axentes. Neles identificouse a 1.989 persoas, controláronse 1.465 vehículos e eleváronse 140 propostas de sanción. No ámbito da hostalaría realizáronse 179 inspeccións en establecementos.

O subdelegado do Goberno sinalou que se evidencia “un cumprimento maioritario da normativa, tanto por parte da cidadanía como do sector da hostalaría”, pero lembrou “a importancia da responsabilidade individual para manter a raia a cifra de contaxios”.

Por último, Emilio González destacou o traballo coordinado e o esforzo que están a realizar todas as forzas e corpos de seguridade para velar polo cumprimento das medidas sanitarias, axudando a protexer a saúde das ourensás e dos ourensáns.