Acto de entrega da medalla de ouro a Cristina Margusino

Margusino
Acto de entrega da medalla de ouro a Cristina Margusino
O acto institucional está previsto para as 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial

Polo seu compromiso co rural e a humanización da medicina recibirá a doutora Cristina Margusino a Medalla do Concello de Xinzo de Limia. O acto institucional celebrarase este sábado no salón de plenos da Casa Consistorial, ás 12.00 horas. Con este recoñecemento, o executivo local quere destacar a súa labor como xefa do servizo de atención primaria neste municipio e a súa contribución para facer de Xinzo un referente en atención sociosanitaria.

Médica de profesión pero aínda máis de vocación, Cristina Margusino traballou no centro de saúde de Xinzo de Limia dende o ano 2011 e durante 11 anos. Nesta etapa é recoñecida e admirada polos seus pacientes, nos que deixou unha fonda pegada.

Neste ambulatorio foi onde puxo en marcha proxectos integrais de saúde e, no ano 2019, promoveu as Xornadas de Atención Sociosanitaria no Rural cun obxectivo principal: humanizar a asistencia médica. Estas xornadas, que comezaron en Vilar de Santos antes da pandemia e continuaron no ano 2021 en Xinzo, evidenciaron a necesidade de establecer un Plan de Saúde Local no concello para facer a diagnose dos recursos e dar resposta ás demandas da poboación. Neste mesmo ano, as xornadas logran a Primeira Beca de Medicina Rural, un recoñecemento outorgado pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia SEMG.

No ano 2022, a doutora asiste a un congreso internacional en Irlanda, el World Rural Health Conference, no que máis de 500 médicos e médicas de todo o mundo debateron temas da súa especialidade. Neste evento participa, xunto co seu equipo de Atención Primaria, cun vídeo que acada o primeiro premio, demostrando o entusiasmo polo seu traballo.

O Concello valora a dedicación plena durante máis dunha década a mellorar a saúde e os hábitos de vida da veciñanza de Xinzo, así como a súa abnegada entrega a poboación limiá, en estreita colaboración co goberno local de Xinzo, durante os duros tempos da pandemia.