ADEGAL LAMENTA A TARDANZA DA ADMINISTRACIÓN NO APORTE DE SOLUCIÓNS PARA A LIMIA

foto la región
ADEGAL LAMENTA A TARDANZA DA ADMINISTRACIÓN NO APORTE DE SOLUCIÓNS PARA A LIMIA

A reunión mantida o pasado luns día 27 sobre o Plan Director da Rede natura 2000 foi totalmente infructífera.Tampouco hai avances para acceder á reapertura da Planta de reciclaxe de residuos gandeiros

ADEGAL, dende os seus inicios e a súa constitución legal, leva traballando pola búsqueda de solucións ante as diversas problemáticas que presenta a Limia.

Tense apostado por alcanzar unha solución á implantación dos espacios protexidos nesta comarca agraria, a máis importante de Galicia, na que se teñan en conta as peculiaridades locais desta zona, dende sempre e tradicionalmente compatibles coa conservación do medio, e que por outra banda, semella antagónico co peche da Planta de reciclaxe de residuos de Sarreaus, que deixa ós gandeiros sen un servicio imprescindible. Polo momento, estanse a tomar solucións provisionais e moi custosas para os productores, que non son a solución definitiva ó problema, ademais de non ter a mesma eficiencia que a Planta de Sarreaus.Por tanto, precísase dunha solución con carácter de urxencia, para o que se debe ter voluntade correctora por parte da Administración, xa que o sector primario é a base económica, social e cultural da Limia.

Logo dunha batalla de sucesivas reunións, cuio tema a tratar era a aplicación do PLAN DIRECTOR DA REDE NATURA 2000 DE GALICIA e os perxuicios xerados na Limia pola implantación da Zepa e o LIC, na tarde do pasado luns día 27, constituíuse unha mesa de traballo na que estaban convocados a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o Delegado da Xunta en Ourense, os Concellos da Limia afectados e ADEGAL.

A mesa de traballo non foi fructífera, xa que soamente ADEGAL trasmitiu a problemática existente na bisbarra, sen obter ningún avance nin solución, facéndose insostible esta situación de indefensión e inseguridade xurídica no habitual funcionamento das explotacións agrícolas, gandeiras e empresariais.

Os meses van pasando e séguese anclados na mesma posición, a de regulación dende o descoñecemento da realidade limiá. Tampouco hai polo momento avance ningún para lograr que a Xunta e a Deputación adopten unha solución que permita a reapertura da Planta de reciclaxe de residuos gandeiros que toda a comarca da Limia defende como fundamental para poder realizar o correcto tratamento dos residuos, compatibilizando a actividade productiva co medio ambiente.

ADEGAL incide na necesidade de solucións e apoio por parte da Administración, facilitando o progreso e non obstaculizando o crecemento, non descartando tomar medidas contundentes de non mellorar a situación actual.