ADEGAL NON ACEPTA NIN COMPARTE AS INSINUACIÓNS DE ELVIRA LAMA

ADEGAL
ADEGAL NON ACEPTA NIN COMPARTE AS INSINUACIÓNS DE ELVIRA LAMA

A Presidenta de ADEGAL, resposta nun comunicado as insinuacións de Elvira Lama na entrevista publicada neste mesmo medio.

María Teresa Joga Martínez, en calidade de presidenta da Asociación ADEGAL:

Queremos por en coñecemento dos lectores deste medio de comunicación o noso máis profundo malestar ante o comentario vertido pola candidata do Partido Socialista de Xinzo de Limia Dña. Elvira Lama.

ADEGALDende a súa constitución legal, esta asociación sen ánimo de lucro leva demostrado non ter ningún tipo de vinculación ideolóxica política. O fin primordial de ADEGAL é o de dar a coñecer a importancia social e económica que o sector primario, a agroindustria e o sector servizos teñen na Limia a través do traballo, do rigor e do respeto.

Convidamos non soamente á candidata desta formación política, senón de calquera que así teña a inquietude, a que se dirixa ó rexistro de asociacións e comprobe o grupo humano que está detrás deste colectivo. Con esta información na man observarán que o seu consello está formado, por unha parte, por xente de diversa ideoloxía política (en ADEGAL non se pide que os seus membros aclaren a ideoloxía que teñen) e por outra parte está composta non soamente por xente vinculada coa venda de produtos fitosanitarios, senón que contamos con 5 empresas, 5 agricultores (grandes e pequenos produtores con igual capacidade de decisión dentro do colectivo que representan no consello) e 4 gandeiros, sendo esta directiva paritaria en relación ós sectores que conforman esta unión. Do mesmo xeito, forman parte deste proxecto como asociados máis de 150 agricultores, máis de 110 gandeiros e unhas 30 empresas vinculadas de modo exclusivo co tecido agrícola e gandeiro.

Ás nosas oficinas sitas no edificio multicentro téñense achegado representantes de outras formacións políticas para presentarnos os seus programas e mostrarnos as súas inquietudes, e dende a mesma e co cargo que teño na devandita Asociación, convidamos a calquera colectivo, tanto político como social, a que se achegue a nós e se preocupe polas nosas funcións e liñas de traballo, e como non, convidarémoslles a que formen parte del.

Por isto, dende a nosa marcada traxectoria APOLÍTICA e dende a transparencia que nos caracteriza, informamos que os datos de composición da asociación se atopan accesibles publicamente no rexistro de asociacións e que alí é posible comprobar o que acabamos de manifestar. Por este motivo, agradeceríamos as distintas forzas políticas que se absteñan de facer comentarios que atenten contra o carácter apolítico deste ente, que recordamos a día de hoxe engloba sen lugar a dúbida á maioría do tecido agrícola e gandeiro.

Un cordial saúdo, A presidenta da Asociación