Alba Fenández, María García,Margarita Taboada e Marisa Carrera gañadoras do concurso "XinzoenFlor"

Casa gañadora
Alba Fenández, María García,Margarita Taboada e Marisa Carrera gañadoras do concurso "XinzoenFlor"
Recibirán cada unha vales de 100 € para empregar no comercio local

Por contribuír a manter a calidade ambiental e estética de Xinzo de Limia serán premiados catro veciños que, co seu esforzo, decoraron balcóns e xanelas con plantas vivas e elementos ornamentais dun xeito destacable que merece o recoñecemento do Concello. Esta segunda edición do certame Xinzoenflor presentouse como a oportunidade perfecta para facer das rúas un entorno máis agradable e o resultado foi o esperado.

Xinzo Pobos2O xurado, composto por un representante de cada grupo municipal e tres veciños, visitou os balcóns e as xanelas adornadas durante os meses de verán co fin de premiar ao conxunto ornamental máis fermoso. Tívose moi en conta a orixinalidade e creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía e deseño do conxunto e a laboriosidade.

Así, estableceuse que Margarita Taboada e Marisa Carrera resultasen as dúas premiadas da categoría Xinzo Vila polas súas creacións na Travesía da Moreira e na Pista Devesa. No apartado Xinzo Pobos resultaron gañadoras Alba Fernández e María García, por decorar con esmero xanelas e balcóns do lugar de Boado.

No acto de entrega dos galardóns, previsto para mañá ás 12.00 horas no salón de plenos da casa consistorial, os galardoados recibirán bonos de 100 euros para empregar no comercio local.