A Asemblea Xeral da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia celebrouse en Xinzo

IMG_2255
A Asemblea Xeral da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia celebrouse en Xinzo

O secretario xeral de Política Lingüística presidiu hoxe pola tarde a xuntanza ordinaria anual na que se aprobaron as liñas de traballo para o ano 2018 e se incorporaron nove novas entidades

O salón de plenos foi o lugar escollido para a celebración da asamblea anual. Foi o alcalde Antonio Pérez o que lles deu a benvida aos representantes dos concellos de toda Galicia que están dentro da Rede e que se desprazaron ata a nosa vila para a reunión.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presidiu a xuntanza que acolleu o salón de plenos municipal e na que se aprobaron as novas liñas de traballo para o ano 2018, centradas na promoción do uso da lingua galega na mocidade, nomeadamente neofalante, no tecido económico, no ámbito da lusofonía e mais na vida civil e relixiosa, así como na recuperación e conservación do patrimonio toponímico. Nela tamén participou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

A RDL pechou o ano Carlos Casares neste concello de referencia para o autor homenaxeado polas Letras Galegas 2017 coa participación dos asistentes na inauguración da mostra Os mundos de Carlos Casares, que fai a derradeira parada da súa itinerancia no Museo Galego do Entroido desta localidade, onde se poderá visitar de maneira permanente desde hoxe.

Nove novas entidades e numerosas accións desenvoltas en 2017

IMG_2262

A orde do día desta sesión ordinaria anual incluíu a ratificación da solicitude de adhesión das entidades Concello de Paradela, Concello do Páramo, Concello de Narón, Concello de Rodeiro, Concello de Moraña, Concello de Pazos de Borbén, Concello de Oímbra, Concello de Portas e Fundación Pazo de Mos, que xa contaban previamente coa adhesión provisional da xunta directiva da RDL. Intégrana así un total de 187 membros entre os que se atopan a propia Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Fegamp, tres das catro deputacións e varias mancomunidades.

A RDL aprobou tamén a Memoria de actividades do ano 2017, na que se deu conta de preto de 200 accións deseñadas e desenvoltas ao longo deste ano nos concellos, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco dos coñecidos programas ‘FalaRedes’, ‘Redecinema’, ‘Nadal en Rede’, ‘Toponimízate’ ou ‘A Rede celebra...’.

Mocidade, economía, lusofonía e toponimia, novas liñas de traballo para 2018

O Consello de Membros aprobou a nova programación de actividades deseñada pola súa Área técnica para o ano 2018, que centrará nos vindeiros meses as súas actuacións de promoción do uso da lingua galega entre a mocidade (mediante actividades e accións que incidan na dinamización do galego na xente nova e no marco do primeiro plan de dinamización específico que está a elaborar a Xunta de Galicia), na economía (en desenvolvemento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 aprobado hai un ano pola Administración autonómica), na lusofonía (co obxectivo de seguir contribuíndo desde a propia RDL a darlle cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia e coñecida popularmente como Lei Paz-Andrade), nos ámbitos das cerimonias relixiosas e civís, así como na recuperación e na conservación do patrimonio toponímico.

Trátase de liñas de traballo fixadas e impulsadas desde a propia RDL que se complementarán, como vén sendo habitual, ao longo de 2018 con outras accións e cos programas de actividades de dinamización lingüística promovidas directamente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística nas súas entidades (centrados na dinamización do galego no lecer e nas festas, na infancia, no tecido socioeconómico ou na transmisión interxeracional do idioma).

Rede de Dinamización Lingüística

A RDL é proxecto impulsado polo Goberno galego no ano 2010, por medio da Consellería de Cultura, no que a día de hoxe participan case 190 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica, dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.

O diálogo entre administracións, fundacións, asociacións, colexios profesionais ou consorcios, entre outras entidades, supuxo desde entón unha nova dinámica de traballo na que prima a optimización dos recursos, se evitan as duplicidades e se busca favorecer unha política lingüística máis eficiente e eficaz. A partir dunha planificación lingüística conxunta, a RDL leva desde a súa constitución formal, en outubro de 2011, definindo estratexias básicas comúns en todo o territorio e compartindo experiencias, materiais e información entre os seus diferentes membros.