As asociacións ecoloxistas solicitaron no Comité Galego de Caza a suspensión da caza da rula en Galicia

rula 2
As asociacións ecoloxistas solicitaron no Comité Galego de Caza a suspensión da caza da rula en Galicia

A maior parte delas cázase na media veda na Limia

As asociacións ecoloxistas propuxeron onte na reunión telemática do Comité Galego de Caza unha moratoria na caza da rula. Neste comité escoitáronse as distintas propostas para o establecemento dos períodos hábiles de caza para a temporada 2020-2021 nas distintas modalidades.

Até o de agora, a caza da rula estaba permitida na media veda no espazo natural protexido da Limia, desatendendo así os requirimentos da Comisión Europea e numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a súa caza e se declare especie protexida.

O indignante caso da ZEPA da Limia

rula 1A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves. O goberno galego ven permitindo a caza da rula en 9 concellos da Limia entre finais de agosto e mediados de setembro, período chamado media veda. Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves na península ibérica.
Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 téñense cazado nela 3.870 rulas, deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear e, consecuentemente, habendo podido vulnerar a citada directiva e a Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y la Biodiversidad.

Ademais da caza da rula, neste período da media veda vense permitindo a caza do paspallás no espazo natural protexido, cando se ten constatado que nesta época aínda están criando os polos das postas tardías. Nos últimos 6 anos téñense cazando 50.172 paspallás na ZEPA da Limia.