miércoles. 06.07.2022

Avanza o proceso de constitución da AECT “Raia Seca / Xurés-Gerês”

A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu unha reunión de traballo coa presenza de once concellos ourensáns. Oito deles  son da Limia

Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación Ourense) preside a xuntanza para a constitución da "AECT Raia Seca Xures-Geres"
Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación Ourense) preside a xuntanza para a constitución da "AECT Raia Seca Xures-Geres"

A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá unha reunión de traballo para avanzar na constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) “Raia Seca / Xurés-Gerés”. Na reunión, presidida polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, informouse sobre o procedemento e pasos necesarios para avanzar na posta en marcha desta AECT.

O vicepresidente segundo da Deputación explicou que “imos de ter a primeira reunión cos concellos da provincia de Ourense para constituír esta AECT, entre os concellos lusos da Reserva da Biosfera Xurés-Gerês e a Raia Seca ourensá, concretamente os municipios pertencentes a esta reserva e, ademais, os que limitan coas cámaras lusas integrantes”.

César Fernández resalta que, con esta reunión, avánzase na definición dos “obxectivos e as liñas de traballo fundamentais, e a partir de aí marcámonos como horizonte tela constituída antes de finais do 2022”.

Na reunión estiveron a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o alcalde de Cualedro, Luciano Cuquejo; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino; o alcalde de Padrenda, Manuel Pérez; o alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez; o edil de Baltar José Antonio Feijóo; o edil de Lobeira Antonio Álvarez e a técnica de Calvos de Randín Cristina Salgado. O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, non puido acudir por motivos de axenda.