Os bonos desconto da Xunta de Galicia para realizar compras no comercio de proximidade poden descargarse a partir de hoxe

Bonos comercio
Os bonos desconto da Xunta de Galicia para realizar compras no comercio de proximidade poden descargarse a partir de hoxe

Cada cliente disporá de 30 euros que se irán consumindo en función do valor da compra realizada nos establecementos

A Xunta de Galicia informa de que a partir de hoxe, luns 3 de maio, os galegos e galegas xa poden descargar os bonos desconto para consumir no comercio galego a través da iniciativa Bonos Activa Comercio da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. O obxectivo é reactivar o comercio local dinamizando as vendas nos establecementos de proximidade.
O programa conta cun orzamento de 10M€ cos que se prevén mobilizar 55 millóns neste sector e chegar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros.

Os clientes interesados deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal e poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil. O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5€, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros lles corresponde un desconto de 10€.

Nestes momentos hai máis de 2500 establecementos adheridos en toda Galicia que contan cun distintivo que os identifica como participantes neste programa. A tipoloxía que suma un maior número de negocios é a de vestido e toucado; seguida de calzado, artigos de pel e imitación ou produtos substitutivos, cintos, carteiras, bolsos, maletas; así como material e aparellos eléctricos, electrónicos ou electrodomésticos. Os comerciantes interesados aínda están a tempo de adherirse xa que o prazo permanece aberto ata o 15 de maio.

Os Bonos Activa Comercio forman parte do paquete de medidas específicas para o sector que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha para acompañar o comercio de proximidade na súa reactivación, e que contará con polo menos 20 millóns de euros en axudas para reforzar a competitividade do sector a través de iniciativas que permitan a súa modernización e incentiven o consumo.

Así, no mes de abril, a Xunta tamén activou outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, que destinará 3M€ tanto á mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.