O C.D.R. O Viso segue prestando todos os seus servizos sociais

IMG_4844
O C.D.R. O Viso segue prestando todos os seus servizos sociais

Facilitamos un confinamento máis levadeiro para as nosas persoas usuarias

Dende o C.D.R. “O Viso” continúanse a prestar servizos básicos urxentes e necesarios de atención a situacións de primeira necesidade. O Estado de Alarma decretado polo Goberno, coas súas respectivas restricións, supón que moitas persoas vexan diminuídos os seus ingresos e teñan dificultades para facer fronte ós gastos derivados do uso da vivenda e da súa manutención. Referímonos –a groso modo-, por un lado, a aquelas persoas cuxos ingresos proveñen da venda ambulante, do traballo ó xornal, etc. pero tamén das que pasaron ó expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) –cunha notable redución dos seus ingresos-, ou foron despedidas e teñen que agardar a cobrar o subsidio de desemprego.

No marco do Programa de Emerxencia Social o pasado martes 24 de marzo, tal e como estaba previsto, desprazámonos á nave do Banco de Alimentos de Ourense, ubicada no Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar, a buscar 806kg de produtos de alimentación non perecedoira correspondentes á III Fase do Plan FEAD 2019.

O MÉRCORES 25 DE MARZO RECIBIMOS UNHA DOAZÓN DE GADISA NO CENTRO DE INCLUSIÓN.

O mércores 25 de marzo, recibimos 638kg de produtos básicos de alimentación e hixiene, doados por GADISA -en base á súa acción de responsabilidade social corporativa- que cada ano colabora cos nosos programas de atención a persoas en situación de vulnerabilidade.

O MARTES 31 DE MARZO APOIÁRONSE AS NECESIDADES BÁSICAS DE 10 UNIDADES FAMILIARES EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE.

doazóns CDRO martes 31 de marzo repartíronse, aproximadamente, 300 kg de produtos básicos de alimentación (non perecedoiros e frescos), hixiene e limpeza do fogar e bombonas de gas, cobertura do alugueiro dalgunha unidade familiar, etc. aproximadamente a 40 persoas da comarca en situación de vulnerabilidade. Algúns destes produtos eran os correspondentes á terceira fase do Plan FEAD 2019, que fomos buscar a pasada semana ó Banco de Alimentos de Ourense.

Dende a Área social tense feito un seguimento da situación social e de saúde das persoas usuarias para identificar necesidades e valorar a cobertura das mesmas tentando que sexan o máis autónomas posible. Estase apoiando a persoas na solicitude da súa prestación por desemprego, debido á fenda dixital que sofren, debido a que a Oficina do Servizo Público de Emprego remítelles ó trámite por vía telemática.

Do mesmo xeito e, dende o Centro de Inclusión de Lodoselo, repártense diariamente máis de 100 bandexas de alimentación a domicilio –a meirande parte de las de risco por COVID-19 (xa que ás persoas que comían no centro, está a levárselle a comida).

Así mesmo, a Terapeuta Ocupacional, e o persoal auxiliar fan un seguimento telefónico e domiciliario con cada unha das persoas que anteriormente acudían ó centro e/ou que se lles levaba a comida a domicilio ou outros servizos de proximidade e van a levarlle alimentos, medicación, produtos de apoio... cando os precisan; sendo –nalgúns casos- a única chamada que reciben o que demostra o valor social e a referencia que son para eles.

Dende á área de atención psicolóxica estase prestando acompañamento e apoio por teléfono, achegando a quen o precisa material e pautas para o manexo da ansiedade e afrontamento da situación de crise na que nos atopamos, co obxectivo de superar esta nova realidade cos mínimos costes emocionais posibles, especialmente a familiares afectados polo covid 19, profesionais expostos (auxiliares, farmacéuticos etc.. ) e persoas que xa tiñan trastornos depresivos ou de anisedade que se ven abravados pola situación actual.

Ó longo das vindeiras semanas e, durante o período que dure o confinamento, manteremos estas visitas a domicilio do persoal auxiliar, atención telefónica, por correo electrónico ou redes sociais en coordinación cos Servizos sociais comunitarios dos concellos e cos axentes sociais en xeral para identificar necesidades e valorar o xeito de dar resposta ás mesmas para que sexan cubertas salvagardando a seguridade e protección de persoas usuarias e do persoal traballador.