Cae o pano para o grupo “Xeito”

GRUPO xEITO
Cae o pano para o grupo “Xeito”

Este pasado venres 3 de xuño o grupo de teatro \“Xeito\” subíanse por derradeira vez ao escenario. Xa pasaron case vinte anos dende o momento no que este grupo daba os seus primeiros pasos. Vinte anos nos que \“Xeito\” percorreu toda Galicia levando o nome da nosa vila con eles. Agora, quedan xa atrás as grandes noites de estreos e as viaxes cos compañeiros. Pero sobre todo, o que máis botarán de menos estes actores, serán esas tres horas á semana nas que se convertían nos protagonistas de historias marabillosas que na vida real só podemos chegar a imaxinar.

Os membros do grupo \“Xeito\” despedíanse do público representando \“A herdanza\”, unha peza teatral de Manolo Fontemoura. Trala representación, dúas das súas compoñentes leron con bágoas nos ollos un texto de despedida a un entregado público. E é que esta despedida non foi voluntaria. Dende hai xa uns anos, as subvencións acabáronse mais o compromiso continuaba. Coa axuda desinteresada de persoas como Manolo, que os agasallaba co seu tempo, ou Guillermo, que sempre estaba aí para eles, \“Xeito\” ía resistindo os duros golpes dunha sociedade deshumanizada que non vela xa polos seus maiores. Agora, non obstante, a estas persoas xa xubiladas que tiñan no seu grupo de teatro outra familia, só lles queda agardar un milagre que evite a xa inminente desaparición de \“Xeito\”.

Como moi ben reflexionaban os seus compoñentes na despedida, onde se senten máis útiles para a sociedade, na casa ou enriba dun escenario? Parece que na nosa sociedade, a partires dunha idade, estamos condenados a deixar de vivir, a deixar de desfrutar desta vida nosa. Traballamos ata que xa non nos dá o corpo, encargámonos de coidar dos netos e demais familia ata que xa non podemos nin erguernos e cando por fin, despois de toda unha vida de traballo podemos adicarnos a nós mesmos, a sociedade esquécese de nós. Nunha vila como Xinzo, é de vital importancia facilitar aos nosos maiores a posibilidade de crear e vivir cultura. Porque o teatro é xustamente iso, é cultura, é arte, é alegría, é ilusión. Porque como eles mesmos nos contaban, o teatro axúdaos a vivir e estimula a súa memoria. Porque unha vida sen ledicia e sen aspiracións, sen compartir e ilusionarse, remata por converterse en mera supervivencia.

Beatriz Gutierrez