O "Camiño da Prata" embelécese coa plantación de flores

Alumnado participante na plantación
O "Camiño da Prata" embelécese coa plantación de flores

Alumnado do CEIP Carlos Casares e do Obradoiro de Emprego Vía da Prata embeleceron o Camiño coa plantación de máis dun cento de flores

A alcaldesa, Elvira Lama, acompañada dos concelleiros Ramón Gómez e Rafa Penabad, axudaron aos estudantes, que neste curso están a percorrer diferentes etapas ata Santiago como auténticos peregrinos.

As leccións relacionadas coas Ciencias Naturais apréndense mellor sobre o terreo. Comprobárono os alumnos e alumnas de sexto de Infantil e quinto de Primaria do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia, que demostraron a súa habilidade para a xardinería nunha xornada que rompeu a rutina das clases. Axudaron ás alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata a embelecer a vila e, acompañados polos seus mestres, conseguiron repoñer máis dun cento de flores dun total de 16 xardiñeiras da Praza da Santa Mariña. Trátase dun entorno emprazado ao carón do Camiño de Santiago de Compostela.

Alcaldesa e concelleiros colaborando na plantación

Precisamente, os estudantes do CEIP Carlos Casares están a percorrer distintas etapas dende Xinzo de Limia ata a capital galega, realizando diferentes altos no Camiño para coñecer os pobos e vilas polos que discorre. Na actividade de hoxe foron recibidos pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o concelleiro de Obras, Ramón Gómez, e o edil de Infraestruturas, Rafa Penabad, que axudaron aos nenos e nenas nas súas tarefas de plantación.

En media hora, e grazas ao bo facer dos pequenos, un total de 130 plantas quedaron listas. Trátase de 16 petunias moradas, 16 petunias vermellas, 16 tajetes laranxas, outros tantos amarelos, 16 salvias, 32 conchitas de diferentes cores e 16 flor de mel. Os cativos comprometéronse a visitar a praza regularmente coas súas familias para ver crecer as distintas especies.

Un obradoiro de emprego que aposta pola igualdade

Cómpre recordar que as alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata xa realizaron diferentes traballos no concello, destacando actuacións como a que levaron a cabo no Parque do Pombal, plantando distintas especies ao redor da estatua e realizando a substitución de lousas deterioradas. Favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral é o obxectivo do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata. Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnas traballadoras durante un período de tempo de nove meses. Á hora de seleccionar aos participantes do obradoiro e dirimir os posibles empates nas puntuacións finais entre dúas ou máis persoas candidatas estableceuse, por orde de prelación os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.