Castañas, viño e festa nos magostos da Limia

A castaña: protagonista do outono ourensán.
Castañas, viño e festa nos magostos da Limia

Baltar, Trandeiras e Xinzo. Magostos para todos os gustos.

Coma todos os meses de novembro, ano tras ano, a nosa comarca –ao igual que o resto da provincia– énchese de castañas, viño e festa para a celebración do magosto. Durante os próximos días, varias son as citas programadas na Limia para festexar esta enxebre data.

En Baltar, a asociación Algaria PDC xunto coa Aixiña van celebrar un magosto o vindeiro día 19 de novembro. A cita terá lugar nunhas instalacións cedidas de balde polo concello. Para os organizadores trátase dunha vella tradición na que non faltarán pratos típicos como a empanada, o churrasco ou as castañas. Convidan a toda a veciñanza da Limia a participar, anotándose a través do teléfono 648 67 85 15 ou no correo electrónico asociacion-algaria@hotmail.com, antes do vindeiro día 14. Para facilitar a participación no evento de toda a xente interesada, disporán de transporte para aquelas persoas que non poidan acudir polos seus propios medios.

Como xa anunciamos días atrás neste medio dixital, o mosteiro de Trandeiras acollerá, mañá día 6 de novembro, un magosto moi especial. A xornada dará comezo ás 11h da mañá coa apertura dun mercado de artesanía e produtos locais. Nos merendeiros terá lugar un xantar con alimentos cociñados en forno de leña e non faltará a música popular. Os nenos poderán poñer en práctica o seu inglés con xogos que darán comezo a partir das 16h. Ás 18h terá lugar unha merenda e continuará a celebración do magosto ata as 19h. Hai programada tamén unha andaina solidaria e un sorteo de diferentes agasallos.

Na capital da comarca, a formación política Xinzo Adiante celebrará un ano máis o seu xa tradicional magosto popular. Desta volta será o vindeiro sábado 12 de novembro no Toural. A cita comezará arredor das 18:30 horas. Á festa están convidados todos os militantes e simpatizantes da organización política da capital da Limia. O prezo é de 7 euros aínda que os nenos poderanse inscribir de balde. Para se anotar é preciso chamar ao número de teléfono 698 148 725 antes do día xoves día 10.