jueves. 30.03.2023

Celebración do 8M, deslucida por mor da chuvia

“Hoxe, dun xeito especial, temos en conta ás mulleres do rural e o seu papel na loita contra o despoboamento e o reto demográfico”Elvira Lama

O día estaba gris, pero a Praza Maior de Xinzo tinguiuse de morado con motivo dos actos en conmemoración do 8M. O mal tempo non freou as gañas de ducias de persoas de recoñecer a loita das mulleres pola súa participación na sociedade e seguir reivindicando a igualdade real. A alcaldesa, Elvira Lama, procedeu á lectura dun manifesto no que asegurou que “ás mulleres, non nos para nin a chuvia nin nada”.

A rexedora insistiu en que pesar dos avances conseguidos, seguen as desigualdades, facendo especial mención ao papel das mulleres de colectivos vulnerables: “Temos en conta ás veciñas do mundo rural e o seu papel fundamental no desenvolvemento de actuacións relacionadas coa loita contra o despoboamento e o reto demográfico”. Tamén na Praza Maior instalouse unha carpa informativa do Centro de Información á Muller. A programación do 8M estenderase en Xinzo máis aló deste día e organizáronse actos durante todo o mes. Un dos pratos fortes chegará este sábado coa conferencia de Ana Peláez,  presidenta do Comité da ONU para a Eliminación da Discriminación contra a Muller.