COGAMI expón na Cidade da Cultura obras realizadas por persoas usuarias dos seus centros

TcebnJRCYL-cogami-pezas-e-trazos
COGAMI expón na Cidade da Cultura obras realizadas por persoas usuarias dos seus centros

Entre eles o de Xinzo

Dende o 5 e ata o 9 de novembro, a sala Eisenman da Cidade da Cultura acolle unha mostra formada por 20 obras de pintura, 11 fotografías e unha representación de relatos de escritura creativa, realizadas e deseñadas todas elas por persoas con discapacidade de 10 asociacións e 5 centros de recursos que forman parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Esta mostra representa o peche do programa EnREDarte, un proxecto financiado pola Consellería de Cultura, que iniciou en 2015 coa intención de achegar diferentes disciplinas artísticas ás persoas con discapacidade e, debido ao éxito de participación, estase renovando ano tras ano.

Na inauguración, estivo presente o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañando ao presidente de COGAMI, Anxo Queiruga e a máis de 150 persoas que formaron parte do programa EnREDarte e que quixeron achegarse ata a Cidade da Cultura para poder ver as súas obras expostas e explicarlle ao Conselleiro como se desenvolveu a súa participación neste proxecto. Os perfís dos artistas son persoas con discapacidade física e/ou intelectual, sendo para moitas delas a posibilidade de manter un primeiro contacto coa disciplina artística que desenvolveron no seu centro.

En palabras do Conselleiro, durante a súa intervención “a arte e a cultura serán útiles se favorecen a igualdade e a tolerancia; se promoven o desenvolvemento persoal e a autoestima”, defendeu Román Rodríguez na súa intervención, na que incidiu en que con proxectos como EnREDarte búscase promover “unha cultura accesible e inclusiva.”

Dende COGAMI quérese destacar que esta mostra, que ten por título Pezas e Trazos, serve como exemplo de que, coas adaptacións precisas, todas as persoas teñen capacidade para experimentar o que se propoñan. Durante a presentación da mostra, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, presenciaron esta mostra que recolle os traballos nos que participaron un total de 244 persoas de diferentes zonas de Galicia e membros destas entidades: ADISBISMUR de Muros, Misela de Noia, AVANTE de Val do Dubra, AMIZADE e ASEARPO de Pontevedra, ALGARIA da Limia, ASDIFICA de O Carballiño, GRUMICO de A Coruña, ASPAMITE de Teo, ADAPTA de O Condado e Paradanta, ademais dos centros de recursos que COGAMI ten en Medelo, Mos, Coruña, Lugo e Ferrol.

Con este proxecto, enmarcado no programa EnREDarte, COGAMI pretende proporcionar experiencias culturais positivas que permitan desenvolver a curiosidade e o sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

O presidente de COGAMI destacou que “as persoas participantes viven experiencias culturais que lles permiten desenvolver a curiosidade, a formación do gusto e o sentido estético e crítico”, como é o caso deste proxecto EnREDarte, no que “participaron 244 persoas en obradoiros de pintura, escritura creativa, danza contemporánea, fotografía artística, música tradicional, teatro e artes plásticas”.

A Cidade da Cultura enmarca esta colaboración con COGAMI no obxectivo de promover a cultura como vía de integración social e desenvolvemento persoal e no seu compromiso de abrir o programa de actividades e os espazos do Gaiás a todos os públicos.

A exposición destes traballos poderá visitarse de balde na Sala Eisenman, en horario de 8 a 20 horas, ate o próximo 9 de novembro.