COGAMI inicia un servizo de atención sexolóxica e detección de delitos sexuais

Unha orientadora laboral de COGAMI asesora nun círculo de emprego sobre como buscar traballo (foto de arquivo)
COGAMI inicia un servizo de atención sexolóxica e detección de delitos sexuais

Este servizo é novidoso porque non só está dirixido a persoas con discapacidade física e orgánica, tamén as familias e profesionais dos centros que traballan coa discapacidade.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) bota andar un novo servizo de cara a favorecer a igualdade e a non discriminación entre as persoas. Nace, xa que logo, Dedaleira, un "servizo de atención afectivo sexual e detección de delitos contra a identidade sexual das persoas con discapacidade".

Dende o ano 2006 COGAMI traballa a sexualidade como unha área máis da persoa con discapacidade.

Financiado pola Obra Social La Caixa, este novo servizo inicia despois de que COGAMI e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) detectaran a necesidade de crear un proxecto específico para asesorar e informar sobre situacións afectivas e sexuais ante situación de violencia sexual que poidan estar vivindo. Dende o ano 2006 COGAMI traballa a sexualidade como unha área máis da persoa con discapacidade, poñendo así en valor os dereitos historicamente loitados e recoñecidos. En programas anteriormente desenvoltos como "Aprendendo a coñecernos", as profesionais detectaron que un 80% das mulleres participantes viviron situacións de violencia ou acoso sexual na infancia ou mesmo na actualidade. Con Dedaleira preténdese evitar estas situacións e, de habelas, corrixilas.

Dúas profesionais, unha delas traballadora social, socióloga e axente de igualdade, Cristina Santos; e a outra, psicóloga, sexóloga e coach, Hadriana Ordóñez; son as que están ao fronte deste servizo que resulta ser novidoso non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado.

O servizo está dirixido a mulleres e homes con discapacidade, familiares e profesionais que traballen no ámbito da discapacidade.

O servizo está dirixido a mulleres e homes con discapacidade, familiares e profesionais que traballen no ámbito da discapacidade. Tamén se están intentando levar a cabo alianzas con outras entidades do sector, para asesoralas e compartir recursos e experiencias.

Para se poñer en contacto con este servizo debe chamarse ao teléfono 600 200 022 ou enviando un correo a dedaleira@cogami.es. As consultas poden ser tamén presenciais, tras concertar unha cita, en horario de 8:30 a 19:00 horas de luns a xoves, onde pode achegarse a persoa ata COGAMI en Santiago.