Os comerciantes seguen premiando á clientela no seu afán de promover as compras locais

estrella
Os comerciantes seguen premiando á clientela no seu afán de promover as compras locais

Mercar en Xinzo cada vez ten máis vantaxes

Os establecementos Muñeca de Trapo, SU-GAR, Luxury, Saxa, Ciempiés e Clínica dental Centro de Especialidades, todos eles de Xinzo, uníronse para darlle un auxe ó comercio local. Puxeron en marcha un sorteo por Nadal que se resolveu na tarde do venres. Estrella Rodríguez foi a gañadora dos cheques cos que agora poderá facer as súas compras nos comercios que colaboran."Estou moi contenta xa que é a primeira vez que me toca algo e decir tamén que todos deberiamos ser un pouco máis solidarios e mercar na zona", declarou a gañadora.

A iniciativa partiu duns bonos dun 10% de desconto nas tendas que participaron, que entregaban ó cliente no momento de facer a súa compra. Dende ese intre, a persoa xa entraba no sorteo do premio final.

De novo os comerciantes locais xúntanse para fomentar as compras na vila. Botan en falta a existencia dunha asociación que os integrase a todos e coa que loitar polos seus negocios. Din que dese xeito se poderían organizar iniciativas coma esta con máis facilidade.

Visto o éxito obtido, manteñen que traballan na posta en marcha de máis proxectos cos que incentivar as compras en Xinzo.