A comisión de Cultura da Deputación abordará o expediente de concesión da medalla de ouro da provincia a Carlos Casares

cartel homenaxe a Carlos Casares
A comisión de Cultura da Deputación abordará o expediente de concesión da medalla de ouro da provincia a Carlos Casares

A comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación de Ourense correspondente ao mes de novembro, que celebrará a súa xuntanza mañá xoves, 16 de novembro no Pazo Provincial, abordará o expediente de concesión da medalla de ouro da provincia, a título póstumo, ao escritor Carlos Casares, como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá.

Asemade mañá xoves celebrarán as súas xuntanzas a comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente xunto coa comisión informativa de Igualdade, Benestar e Emprego, será nesta última onde se aborde a aprobación inicial do Programa de Cooperación BenOurense Técnicos 2018. O obxectivo deste Programa Provincial cínguese á programación detallada das accións de de asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de Servizos Sociais Comunitarios básicos para o exercicio 2018. Tamén se inclúen ás mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes.

O programa estrutúrase en dúas accións, a primeira delas afectaría á asistencia económica para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador social. E, a segunda acción refírese á asistencia técnica e xurídica que será prestada polo persoal da Área de Benestar da Deputación, consistindo na emisión de informes técnicos e xurídicos en materia de servizos sociais. Esta acción prestarase de xeitos prioritario ás entidades locais de menos de 5.000 habitantes.

Pola súa parte, as comisións informativas de Cooperación, Transparencia e Facenda celebrarán hoxe mércores, 15 de novembro, as súas xuntanzas no Pazo Provincia.

Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a fixación de prezos públicos de "Pazolandia\” que establece un custe de 4 euros para a entrada ao parque de atraccións para o público en xeral, e de 3 euros a entrada para as persoas que accedan en viaxes promovidos polos concellos da provincia. Tamén será tema a tratar nesta reunión o expediente de modificación de créditos n.º 4/2017 que ascende á cifra total de 152.000 euros.

Outro dos temas a tratar na reunión será a resolución de alegacións á aprobación inicial do orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2018 e aprobación definitiva.

Por último, abordarase a dotación ao Plan Económico Financeiro por incumprimento da regra de gasto na liquidación do exercicio 2016 dunha vixencia de dous anos, así como remitirlle á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Xunta de Galicia o presente plan.