A Concellería de Cultura convoca una reunión aberta para todos os veciños que desexen colaborar na programación do Entroido 2022

Stand do Concello de Xinzo promocionando o Entroido 2022 en Xantar
A Concellería de Cultura convoca una reunión aberta para todos os veciños que desexen colaborar na programación do Entroido 2022
A concellería de Cultura propón unha celebración que volva aos seus orixes e onde se prescinda de eventos multitudinarios

A palabra Entroido comeza a resoar por todos os recunchos de Xinzo de Limia. Este ano, a celebración desenvolverase entre o entre o 6 de febreiro (Fareleiro) e o 6 de marzo (Piñata), sendo o ciclo máis longo de todo o país. As datas achéganse ao calendario e o Concello, a través da concellería de Cultura e Mocidade que dirixe Ramiro Rodríguez, xunto coa Comisión, levan varias semanas dando voltas á organización, que non será sinxela pola necesidade de establecer varios escenarios nestes tempos de pandemia.

Para mañá está prevista unha reunión aberta na Casa da Cultura á que poderán asistir todos os veciños e veciñas que desexen colaborar nos preparativos. Será unha oportunidade idónea para poñer en común diferentes ideas e comezar a programar os festexos. Está previsto que este encontro coa veciñanza comece ás 20.00 horas.

O procedemento é o mesmo de anos anteriores, se ben no 2021 o Entroido tivo que suspenderse pola alta incidencia do covid-19. O primeiro paso é convocar unha reunión cuns meses de antelación para que se poida incorporar á Comisión todo aquel desexe colaborar. En calquera caso, esta agrupación sempre estará aberta a quen se queira integrar en calquera momento da organización.

Por mor da pandemia, o Concello de Xinzo pensa nun Entroido más tradicional, prescindido de eventos multitudinarios como poderían ser os concertos. Así o explicou Ramiro Rodríguez: “Aínda que as previsións con respecto á pandemia son optimistas temos que pensar moito na organización”. Por iso barallaranse varios escenarios en función da nova normalidade.