O Concello e a asociación A Pantalla organizan un Magosto cun marcado carácter tradicional

2020-10-08-el-magosto-en-galicia-700x350
O Concello e a asociación A Pantalla organizan un Magosto cun marcado carácter tradicional

Haberá xogos populares e música da man do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e pola noite programouse unha foliada

Xinzo de Limia recupera esta semana, concretamente o venres, día 12, o seu magosto máis popular. A celebración chega ao calendario despois de que a incidencia do covid-19 obrigase a suspendela o ano pasado. Nesta ocasión terá un marcado carácter tradicional, xa que para o venres programáronse numerosas actividades que tratan de involucrar aos veciños de todas as idades.

A praza Xoán XXIII será o escenario principal. Está previsto que ás 16.30 comecen os xogos populares da man do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. A degustación de castañas comezará ás 19.00 horas. Unha das principais novidades deste ano é o concerto de Xisco Feijoó e Artur Puga, programado para as 21.30 horas e que leva por título “Tanxendo en galego”. Trátase de artistas da comarca que ofrecen música tradicional. A foliada aberta dará comezo ás 22.30 horas.

O Concello de Xinzo de Limia e a Asociación A Pantalla apostan este ano por unha celebración que fuxe das comidas numerosas doutras edicións. Así o explica o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez: “A idea é afondar no aspecto tradicional. Haberá novidades coma o concerto de Xisco, os xogos para os nenos e nenas e que só se repartirán castañas como produto estrela dos magostos”.