O Concello de Xinzo promove unhas xornadas de educación sexual no IES Lagoa de Antela

O IES Lagoa de Antela
O Concello de Xinzo promove unhas xornadas de educación sexual no IES Lagoa de Antela
Acudirán ao centro tres poñentes que impartirán os ciclos nas aulas, respectando os grupos burbulla sen mesturar alumnado

A educación sexual tamén será materia de estudo no IES Lagoa de Antela, que levará a cabo unhas xornadas coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia e destinadas a estudantes de 2º e 4º da ESO e de FP Básica. A iniciativa, que comeza hoxe e se repetirá os días 3 e 10 de maio, ten como obxectivo achegar unha serie de contidos que axuden aos alumnos a valorar a diversidade e propoñer ferramentas que lles axuden a cultivar unha actitude comprensiva para entenderse como mozos que son, para unha mellor convivencia.

Tal e como se especifica no programa deste interesante ciclo, está previsto que acudan ao centro tres poñentes que impartirán os charlas nas aulas, respectando os grupos burbulla sen mesturar ao alumnado. Ana Cardoso, técnica de Igualdade no Concello de Allariz, especialista en sexoloxía, xénero e políticas de Igualdade estivo hoxe ao longo da mañá cos estudantes de catro grupos de 2º de ESO, mentres que pola tarde traballará cun de 4º de ESO. O 3 de maio collerá o relevo Beatriz Pérez Fernández, titulada en Psicoloxía e con estudos de mestrado en Educación, Xénero e Igualdade. Pechará o ciclo a experta Uxía Fernández, educadora familiar nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Allariz.

Cómpre destacar que a iniciativa conta cunha periodicidade concreta, xa que pretende estar presente ao longo desta etapa na que os mozos deben aprender, a nomear e a entender o que lles acontece no ámbito da sexualidade, coa finalidade de fomentar a convivencia entre persoas de todas as idades.

As actividades foron deseñadas dende unha perspectiva amena, de forma que se presentarán os contidos da forma máis motivadora posible. Potenciarase o traballo en grupo para fomentar a confianza entre os participantes. Ademais, os contidos seguirán un fío condutor.

Debido ao gran interese deste ciclo para os alumnos destes cursos de secundaria, a intención é seguir organizándoas nos próximos anos.