Convocada a segunda edición do concurso de embelecemento de balcóns do concello de Xinzo

BALCÓNS
Convocada a segunda edición do concurso de embelecemento de balcóns do concello de Xinzo

Premiará o interese dos veciños por manter a calidade ambiental e estética da vila e os pobos

Os veciños de Xinzo de Limia teñen a oportunidade perfecta para demostrar o seu compromiso por facer das rúas un entorno agradable e saudable. Os interesados xa poden participar na segunda edición do concurso Xinzoenflor para o embelecemento de balcóns e xanelas. Trátase, en definitiva, de premiar o esforzo da cidadanía por mellorar a calidade ambiental e estética do seu entorno.

Nas bases recórdase que deben empregarse plantas vivas como elementos ornamentais e estas deben ser visibles dende a rúa. Os participantes terán liberdade para realizar as súas creacións, sempre e cando respecten o contorno e garantan a seguridade. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto e repartirase unha planta por vivenda. Os interesados deben entregar un impreso nas dependencias do Concello, concretamente en Información, ou descargalo a través da web e enviándoo por correo electrónico a concursos@xinzo.gal.

O xurado estará composto por un representante de cada grupo municipal, ademais de por tres veciños que queiran participar na deliberación. Visitarán os balcóns e xanelas adornadas durante os meses de xullo e agosto co fin de premiar ao conxunto ornamental máis fermoso. Terase moi en conta a orixinalidade e creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía e deseño do conxunto e a laboriosidade.

Tal e como se establece nas mesmas bases, haberá dous premios para cada unha das categorías: Xinzo Pobo e Xinzo Vila. Os galardoados recibirán bonos de 100 euros para empregar no comercio local.