Un veciño de Baronzás publica unha tese que afonda na figura dos intérpretes na conquista de América

oscar
Un veciño de Baronzás publica unha tese que afonda na figura dos intérpretes na conquista de América

Óscar Ferreiro Vázquez é veciño de Baronzás ainda que naceu e criouse en Suíza. Estudou no IES Cidade de Antioquía e tras formarse na Universidade de Vigo en Licenciatura de Tradución e Interpretación, foi mestres e dedicou gran parte da súa vida á investigación.

Agora ven de publicar unha tese sobre a figura dos intérpretes dende os inicios da conquista de América ata pouco despois da independencia. «Por voz de» ou «por boca de» son algunhas expresións que puxeron sobre a pista a Óscar para levar a cabo as súas pescudas.

oscar

Recentemente defendeu unha tese que recolle a figura dos intérpretes na conquista de América, cales son os obxectivos deste traballo?

Así é, para sermos máis precisos a tese titúlase «Por boca de»: achegas á historia da interpretación do centro e sur de América (1518-1870). Este traballo que tanto tempo me levou, ou mellor dito, que tanto nos levou ao meu director o Dr. Xoán Manuel Garrido Vilariño e mais eu, describe durante uns tres séculos e medio a mediación lingüística que existiu durante diferentes etapas —precolonial, colonial e poscolonial— da presenza dos casteláns en Centroamérica e Sudamérica.

Cal era o papel do intérprete?

O mediador lingüístico ou intérprete foi unha peza chave tanto na conquista física coma espiritual dos pobos orixinarios de América. Aínda que saibamos que algunhas veces, ou moitas, os conquistadores non sempre actuaban de xeito pacífico nos primeiros contactos co nativo, os intérpretes eran quen de evitar «por boca» doconquistador, conflitos ou ataques inxustificados. Guiaban, «iluminaban», interpretaban durante as exploracións que a maquinaria castelá facía terra adentro.

Que feito o levou a facer a súa tese sobre este tema?

Este tema xurdiu logo dunha viaxe de investigación que se fixo a Bolivia. Nos arquivos da ABNB (Archivos y Bibliotecas Nacionales de Bolivia) de Sucre atopáronse documentos primarios onde se podía ler, nas marxes, o segmento «lengua de los Naturales». A palabra lengua, ou lingua en portugués, refírese a intérprete. Foi a partir de aquí que o meu director me propuxo traballar e explotar un corpus de documentos primarios e secundarios de aproximadamente 20 000 páxinas .

Algunha anécdota que poida destacar ó longo da creación da súa tese...?

Se teño que elixir unha sería que na nosa investigación demos cun caso de sentenza onde se castigaba a unha persoa para que fixese de intérprete na igrexa e hospital da súa aldea, o delito?, pois foi acusado de «pecado nefando», isto é, de ter relacións homosexuais, tan perseguido pola Inquisición e visto como normal nas culturas andinas. Poderíase considerar esta sentenza coma o primeiro caso documentado de interpretación nos servizos públicos.

Como considera que vai ser a repercusión desta publicación?

Agardo que esta primeira tese defendida na Universidade de Vigo, e de Galiza, sobre a actuación dos intérpretes durante a conquista, a colonización e parte da poscolonización sirva de inicio e continuación de futuras investigacións. Aínda queda moito por facer, e de seguro que compañeiras e compañeiros meus que pretenden facer unha tese ou seguir investigando no tema, darán con verdadeiros achados. Dende aquí deséxolles moito ánimo, as investigacións para as teses comportan moitas horas de dedicación e soidade, viaxes e paciencia. Alén de máis cómpre dicir que por mor dos recortes e as poucas axudas existentes para a investigación esta tarefa resulta aínda máis complicada e desalentadora, mais insisto, o resultado compensará os atrancos.

Cal é a súa conexión con Baronzás hoxe en día?

Pois visito sempre que podo a familia: pais e irmán, mais sobre todo a miña afillada Sarela, á que por certo lle dediquei, entre outros, a tese. A verdade é que tanto Baronzás coma Xinzo son lindos lugares para desconectar e descansar. Paseo e paso parte do tempo nos locais conversando coa xente. Cando hai citas importantes coma o Entroido, as festas patronais, o Esquecemento son un dos que sempre está aí.