A Deputación contribúe á reactivación do turismo cunha achega de 150.000 euros para o bono turístico da Xunta #Quedamos en Galicia

Sinatura.convenio.bono.turistico.Deputacion.Xunta
A Deputación contribúe á reactivación do turismo cunha achega de 150.000 euros para o bono turístico da Xunta #Quedamos en Galicia

O acordo “é unha mostra máis da nosa disposición á colaboración institucional e nun ámbito no que temos especiais esperanzas cara a recuperación económica”, subliñou Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a para institución provincial achegará 150.000 euros para o cofinanciamento do programa Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, “unha iniciativa pioneira do goberno galego a nivel nacional e coa que a Deputación de Ourense vai contribuír á reactivación do turismo interno, nunha mostra máis da nosa disposición á colaboración institucional e nun ámbito no que temos especiais esperanzas cara a recuperación económica”, subliñou Baltar.

quedamos en galiciaA vocación do goberno provincial “é atender as necesidades da nosa provincia e solucionar problemas, neste caso fortalecendo á cooperación coa Xunta con esta tarxeta para dinamizar o consumo turístico interior en Galicia e por suposto en Ourense, que no ano 2019 presentaba os mellores datos da súa historia tanto en número de visitantes como en pernoitas”, dixo Baltar. Unha colaboración institucional “que sempre é unha obriga, pero máis aínda cun dos sectores máis afectados pola pandemia como o turístico”, citando ademais a achega de 790.000 euros -o 1 % do orzamento total da Deputación- para o fondo conxunto de apoio á hostalería galega.

Baltar expresou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio, “que reforza o traballo conxunto que vimos de facer desde hai tempo coa administración autonómica en asuntos como o Centro Galego de Innovación da FP, a mellora dos accesos ao novo hospital de Ourense, as achegas aos plans da seca e á adquisición de maquinaria para a prevención de incendios xunto con Medio Rural, o parque acuático de Monterrei, o parque náutico de Castrelo de Miño ou máis recentemente a sinatura do convenio para o novo centro de saúde da Rúa, o que quere dicir a Deputación está a colaborar en todos os ámbitos de competencia da Xunta”.

As alianzas con outras institucións e entidades son fundamentais, dixo, “para afrontar ese futuro no que todos estamos esperanzados e confiados, e aí teñen cabida outras iniciativas que tamén terán o seu impacto no turismo, como é o acordo que vimos de pechar coa prestixiosa firma internacional Mobile World Capital Barcelona para celebración durante as tres próximas edicións da Mobile Week”.

Sinatura.convenio.bono.turistico.Deputacion.Xunta 3O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu á Deputación “a colaboración leal e eficaz que sempre atopamos en todas as iniciativas que parten da Xunta de Galicia e que teñen un claro beneficio na provincia de Ourense”. O apoio ao bono turístico “antes de constatarse o seu éxito, tanto en solicitudes como en número de establecementos adheridos é un exemplo”, destacou, apuntando que as tarxetas esgotáronse nas 12 primeiras horas cunha media de 30 solicitudes por minuto, ata acadar máis de 25.000. Ademais, ata agora xa se sumaron case un milleiro de establecementos -82 deles na provincia de Ourense- , o que supón un 75% máis que na primeira convocatoria, e existen máis de 400 paquetes turísticos e máis dun cento de ofertas personalizadas que se poden consultar na web de Turismo de Galicia.

O programa conta tamén coa colaboración do Clúster Turismo de Galicia e, xunto coa da Deputación de Ourense, participa ademais a Deputación da Coruña. Por iso, Alfonso Rueda animou ao resto de deputacións provinciais que aínda non se sumaron á iniciativa, que pensen en facelo, sumando fondos a unha proposta que viron positiva para dar un empuxón e axudar a coller osíxeno aos negocios do sector turístico, que foron dos máis afectados polas restricións derivadas da crise sanitaria da Covid-19.

Implicación da cidadanía

O vicepresidente primeiro tamén agradeceu a implicación da cidadanía para botar unha man ao sector, xa que achegan o 40% do importe da tarxeta escollida, entre as 3 dispoñibles, mentres que a Xunta aporta o 60% do total en todas elas. De feito, os galegos, ademais de esgotar as tarxetas en cuestión de horas amosaron a súa preferencia polas de 500 euros, as de maior contía, que coparon o 82% das solicitudes. Logo, as de 375 euros supuxeron o 10,3% e o 7,3% restante foi para as de 250 euros. A Xunta prevé que en maio os usuarios poidan empezar a consumir as súas tarxetas nas opcións que escollan, unha vez que os beneficiarios reciban a notificación, fagan o ingreso da súa parte e en 10 días reciban a súa tarxeta.Sinatura.convenio.bono.turistico.Deputacion.Xunta

Alfonso Rueda destaca que, con esta e outras medidas como o seguro coronavirus, o Goberno galego vén traballando arreo para reactivar o turismo neste Xacobeo 21-22 e recuperar a confianza dos viaxeiros nun destino seguro, de calidade e confiable como Galicia e ter todo preparado para cando se recupere a mobilidade.