A Deputación de Ourense abre o prazo de adhesións para a concesión da medalla de ouro da provincia ao filólogo e etnógrafo Eligio Rivas

Eligio Rivas e Manuel Baltar
A Deputación de Ourense abre o prazo de adhesións para a concesión da medalla de ouro da provincia ao filólogo e etnógrafo Eligio Rivas

A Deputación de Ourense abre o prazo para a recollida de adhesións para a concesión da medalla de ouro da provincia de Ourense ao filólogo e etnógrafo Eligio Rivas Quintas, adhesións que poden achegarse ben a través do Rexistro Xeral da Deputación; do correo electrónico: eligiorivas@depourense.es, ou da páxina web da Deputación: www.depourense.es, antes do 2 de novembro de 2018.

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense publica hoxe a providencia da Presidencia, asinada por Manuel Baltar, de data 9 de abril de 2018, na que se dispuña incoar o expediente para o outorgamento da medalla de ouro a Eligio Rivas, e designar ao deputado provincial Manuel Doval instrutor do expediente, conforme ao Regulamento de honores e distincións da Deputación. O instrutor estará asistido polo asesor de política cultural, Aurelio Gómez Villar, quen actuará como secretario do expediente.

Este recoñecemento supón, segundo o presidente da Deputación de Ourense “pór en valor, aínda máis, o traballo que Eligio Rivas fixo polo noso rural a toponimia, a etimoloxía e a lingua galega, todo un tesouro cultural que soubo investigar, preservar e impulsar con respecto pola nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións”, afirma Manuel Baltar

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense sinala que unha vez recoñecida traxectoria de Eligio Rivas, ourensán nado en Fondo de Vila (Xunqueira de Ambía), profesor, lingüista e etnógrafo dos máis salientables, e á vista do seu importante traballo nos eidos indicados, e a calidade das súas publicacións que o fixeron merecente, entre outros galardóns, do premio Otero Pedrayo ou da medalla de Castelao, “esta Presidencia considera oportuno iniciar o expediente para outorgarlle a medalla de ouro da provincia de Ourense”. Asemade, sinala o boletín que de conformidade co Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, o órgano competente para ordenar a instrución do expediente será a Presidencia, e que sen prexuízo disto, considérase oportuno solicitar o parecer do Pleno da Corporación en canto a ratificar a decisión de iniciar a instrución do expediente. Polo cal, o presidente dispón solicitarlle á comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade, que ditamine favorablemente a ratificación, por parte do Pleno da Deputación Provincial, da decisión de iniciar o dito expediente”.

Finalmente, sinala que de conformidade co artigo 11 do dito regulamento, “ponse de manifesto o expediente ata o día 2 de novembro de 2018, co obxecto de sometelo a información pública para que poidan comparecer cantas persoas e asociacións desexen, para formalizar o seu testemuño mediante a presentación polas canles habituais, da oportuna adhesión.