A Deputación de Ourense consolida a colaboración coa Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova para o estudo do legado romano na Baixa Limia
O profesor Colmenero, agradeceu “unha colaboración xenerosa coa que pouco a pouco estamos convertindo Aquis Querquennis nun lugar de referencia para non só para intelectuais, senón tamén para turistas”
A Deputación de Ourense consolidará a súa colaboración co estudo do legado romano na Baixa Limia consignando unha nova axuda á Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, con fin de continuar cos traballos de escavación que anualmente se realizan no campamento militar romano situado na ribeira do encoro das Conchas, en Bande. O presidente provincial, Manuel Baltar, confirmou esta nova achega ao presidente da fundación, o profesor de historia antiga e arqueólogo, Antonio Rodríguez Colmenero, durante un encontro no que tamén revisaron outras liñas de cooperación abertas entre a Deputación e o catedrático.

Logo dunha “xuntanza proveitosa”, Manuel Baltar anunciou que na modificación de créditos que se presentará ao pleno de abril, o goberno provincial habilitou unha axuda de 60.000 euros dos que máis do 60 % irán destinados ás escavacións do complexo militar Aquis Querquennis, e o resto para cofinanciar o funcionamento da fundación, de cuxo padroado tamén forma parte a Deputación de Ourense.
O presidente provincial tamén destacou outras cuestións analizadas na reunión, como as investigacións que o profesor Rodríguez Colmenero está a realizar sobre a Vía Nova o Vía XVIII do Itinerario de Antonino, calzada romana que unía a antiga Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga), e onde precisamente o complexo arqueolóxico de Bande era un dos puntos de descanso.
Tamén repasaron a publicación que prepara o arqueólogo sobre o conxunto de San Pedro de Rocas, que en setembro de 2023 celebrará o centenario da súa declaración como monumento nacional. Un estudo que incluirá novidosas teorías sobre a situación do mosteiro, a súa relevancia, a vida da época, o protagonismo na etapa sueva ou mesmo as orixes romanas.

Manuel Baltar puxo énfase na valía intelectual do profesor Rodríguez Colmenero, “unha autentica enciclopedia e autoridade en todo o que ten que ver coa nosa historia, a nosa arte e patrimonio, fundamentalmente na etapa romana”. Unha das persoas, dixo, “que merece o maior respecto como autoridade científica en relación coa nosa historia, polo que para nós é unha cuestión prioritaria seguir colaborando e apoiando as súas investigacións”.
Pola súa banda, o catedrático agradeceu as palabras do presidente e a colaboración “xenerosa” da Deputación de Ourense, “coa que pouco a pouco estamos convertindo Aquis Querquennis nun lugar de referencia para non só para intelectuais, senón tamén para turistas”.